A compostaxe segue adiante coa primeira produción do Campus

100

O novo plan de tratamento dos residuos orgánicos do Concello de Pontevedra continúa a súa andaina. Coincidindo coa Semana da creatividade que pon en marcha o Campus Crea da Universidade de Vigo en Pontevedra, o xoves extraerase a primeira achega do composteiro instalado no campus da Xunqueira.

Trátase dun composteiro instalado o pasado 25 de xaneiro que recibe as achegas do comedor universitario do campus, e en menos de tres meses xa ten un compost maduro para retirar, reducindo considerablemente os prazos de elaboración previstos, que estaban fixados en 7 meses.

Os técnicos aseguran que se trata dun compost de moi boa calidade, sen materiais pesados, e cun índice de nitróxeno biolóxico que ten chegado ao 7% (para facer un compost de calidade agárdanse índices do 2%). Están a estudar os motivos destes niveis tal elevados de nitróxeno, que falan da súa calidade, pero atribúen os bos resultados xerais á boa separación en orixe.

Compostaxe individual e comunitaria

Mentres, o Concello traballa na adquisición dos composteiros individuais e colectivos que se distribuirán polas parroquias e os barrios da cidade.

O servizo de Contratación xa traballa na tramitación do prego bianual para a adquisición de 8.000 composteiros individuais. Entre as esixencias do prego están o tempo de resposta, dado que se espera unha implantación progresiva dende finais do ano e primeiros do que vén; e un subministro a domicilio, xa que a empresa terá que levar o composteiro á casa dos veciños, acompañado por un técnico municipal.

Tamén está en proceso de recibir ofertas os 300 módulos de composteiros comunitarios previstos para completar o barrio de Monte Porreiro e o de Campolongo. De todos os xeitos, as previsións municipais apuntan a que serán precisos moitos menos módulos dos que se comprarán para abastecer a estes barrios, xa que o proceso de elaboración do composta está reducindo, considerablemente, os prazos.

Por último, tamén está en fase de contratación de catro prazas de especialistas no tratamento do compost para o Concello. Até o de agora o Concello está a empregar aos mestres composteiros formados pola Deputación, pero a previsión de que todo o sistema de compostaxe comece a implantarse cara finais do ano e primeiros do que vén, o Concello precisará de persoal propio para o bo funcionamento deste sistema. Está previsto a creación dunha praza de persoal de Grupo A que poida elaborar proxectos, e tres prazas de grupo C, con coñecementos para facer este tipo de traballos.