Torres Vedra profunda no coñecemento do modelo Pontevedra

33

Unha delegación da Cámara Municipal de Torres Vedra (Portugal) co concelleiro de Mobilidade, Hugo Lucas ao fronte achegouse a Pontevedra co fin de profundar no modelo urbano. Mantiveron unha intensa xornada de traballo que incluíu unha xuntanza co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato; o inxeneiro xefe, Jesús Gómez Viñas e o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle; unha visita a sala de pantallas da Policía Local e un percorrido guiado pola cidade da man dos concelleiros de Mobilidade, Demetrio Gómez e Promoción da Cidade, Anabel Gulías.

No é a primeira vez que técnicos e representantes políticos de Torres Vedra e Pontevedra manteñen sesións de traballo vencelladas ao modelo urbano, noutra ocasión xa estiveran na capital do Lérez e representantes locais participaron en encontros na vila portuguesa. As dúas forman parte da rede Cidades que Camiñan.

Na reunión de traballo cos técnicos municipais celebrada na Casa da Luz, os visitantes amosaron o seu interese en temas puntuais como: cal é a solución para os vehículos dos residentes de áreas peonalizadas que non teñen garaxe na vivenda ou praza de estacionamento de seu; como respondeu a xente ao proceso de peonalización e transformación urbana de Pontevedra e de que xeito levouse adiante o proceso de participación social nas distintas actuacións tanto no referente ás asociacións e colectivos como a veciñanza en xeral.

Após do xantar, achegáronse a Xefatura da Policía Local onde coñeceron a maneira que hai de controlar a mobilidade da cidade dende a sala de pantallas. Dende aquí os axentes teñen unha visión en tempo real do que está a ocorrer nas rúas da cidade, poden regular os semáforos e vixiar a ocupación dos espazos públicos por obras, eventos deportivos, actividades na rúa, etc.

O percorrido guiado a cidade para ver na práctica o deseño urbano, as medidas de calmado de tráfico, as que fan das persoas a prioridade absoluta…, en resume, as características que fan de  Pontevedra un referente no mundo- puxo o ramo a visita da delegación portuguesa.