Arranca en Ponte Sampaio a implantación da tecnoloxía led nos cascos urbanos e nos centros parroquiais do rural

18

    • En dúas semanas todo o casco urbano de Ponte Sampaio disporá só de tecnoloxía led mellorando substancialmente a calidade lumínica das vías públicas da parroquia.
    • O Goberno pretende levar esta tecnoloxía a todos os cascos urbanos e núcleos de centralidade parroquial, seguindo na liña anunciada polo alcalde de buscar a equidade dos espazos rurais cos urbanos.

O Concello de Pontevedra iniciará a vindeira semana a instalación de luminarias leds en todo o casco urbano de Ponte Sampaio. Será o primeiro núcleo do rural pontevedrés que dispoña de iluminación de alta calidade cumprindo os parámetros de eficiencia enerxética e sustentabilidade cos que traballa o Goberno. O propósito é ir estendendo esta iniciativa por todos os cascos urbanos do rural e tamén polos núcleos de centralidade parroquial, indo na liña anunciada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na presentación da remodelación do Goberno nesta semana: buscar a equidade de servizos da zona rural ao respecto da urbana.

No núcleo de Ponte Sampaio xa dispón dunha parte de luminarias en tecnoloxía led, pero agora cun contrato de 60.000 euros conseguirase substituír todas as actuais (de sodio e mercurio) por leds. A obra consistirá en na instalación de cableado, caixas de conexións, brazos e reformas de cadros eléctricos, ademais doutras pequenas actuacións que sexan precisas facer en cada punto de luz.

O investimento total (co actual e os anteriores) ascenderá a  140.000 euros ao actuar en 307 puntos de luz distribuídos en todo o casco urbano da parroquia. Suporá unha mellora substancial da calidade da iluminación de toda esta área urbana que redundará noutros aspectos como a seguridade nas rúas, a seguranza viaria, a redución da luz intrusa, ou a eficiencia enerxética xa que supón un aforro de enerxía do 75%, cun consumo de 168.256 KWh, aproximadamente de 28.000 euros ao ano.

O Goberno arranca con esta obra, que se inicia o luns e que podería estar rematada en dúas semanas ou incluso antes, o plan de substitución das luminarias convencionais (a maior parte de mercurio e sodio) en todos os cascos urbanos do rural. Pendente de perfilar o mapa das actuacións, tamén está decidido actuar en Estribela, onde tamén se teñen feito algúns traballos deste tipo, e nos espazos de centralidade parroquial que se van configurando como o de Campañó, Salcedo, Cerponzóns, Tomeza…

É un traballo que se irá facendo paseniñamente xa que se trata de fortes investimentos, pero o Goberno ten a aposta decidida de levar os estándares de calidade urbana aos núcleos do rural para mellorar a calidade de vida dos veciños, especialmente, naqueles puntos de encontro.

O investimento no rural non deixará de lado a implantación deste tipo de luminaria no centro urbano. O pasado mes substituíronse a práctica totalidade das luminarias das rúas do barrio da Parda por tecnoloxía led, e continuarase por outros barrios máis periféricos onde aínda existen luminarias convencionais.

Características do led

A tecnoloxía led é de alta calidade e rendemento que permite dirixir á luz con precisión á área que se quere iluminar e evita a luz intrusa (nas vivendas, por exemplo) e tamén a contaminación lumínica. Ademais, na iluminación led a ausencia de radiación infravermella e ultravioleta, garanten a calidade da luz.

Tamén é coñecido a alta resistencia e durabilidade da tecnoloxía led con máis de 80.000 horas de luz e con maior rapidez de resposta: cun acendido instantáneo, entre outras características.