Cinco empresas ofertan o subministro de enerxía eléctrica 100% verde

73

Cinco empresas presentaron ofertas para o subministro de enerxía eléctrica no municipio, un contrato que sae a licitación 1.598.000 euros. A mesa de contratación abriu hoxe os sobres coas propostas que agora serán avaliadas e informadas polos técnicos municipais. As empresas son: Nexus So, Iberdrola, Unión Fenosa, Ados e Endesa.

Segundo subliñou a concelleira en funcións de portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, o 100% da enerxía subministrada será “verde” pois as cinco empresas “todas elas, a maiores do 30% que establecíamos nós no prego de condicións aportan un incremento do 70% de enerxía verde, da enerxía ecolóxica”.

Son “verdes” as enerxías renovables (eólica, solar,…) e a de co-xeración de alta eficiencia como pode ser a de biomasa. Queda fóra polo tanto a enerxía nuclear, do carbón, fuel… Co novo contrato o Concello agarda mellorar a eficiencia e calidade enerxética e coidar o medio ambiente.

O contrato cubrirá arredor do 70-75% da enerxía consumida no concello -alumeado públicos, colexios, centros culturais e sociais,…- xa que quedan fóra os subministros de menos de 10 kw/hora. É para 2010 subministros que suman 10.093.845 kw. Esta enerxía atenderá as necesidades do alumeado público, das escolas, centros municipais, gardería, auditorio e pavillóns deportivos.

O centro municipal máis consumidor de enerxía eléctrica é o Pazo de Congresos, que consume 447.678 kw/ano.

E canto as rúas a listaxe de maiores consumos * está encabezada por:
 – Andrés Muruais. 247.000 kw/ ano
– Serra. 244.000 kw/ ano
– Gutiérrez Mellado. 197.00 kw/ ano
– Parque Rosalía de Castro. 195.000 kw/ ano

*O nome da rúa correspóndese coa ubicación  do cadro eléctrico que é colectivo, e dicir, abrangue espazos urbanos más amplos