O Encontro de Palilleiras reunirá a máis de 1.300 artesáns no recinto feiral

68

O Recinto feiral da Xunqueira acollerá o próximo domingo, 30 de abril, o XII Encontro de Palilleiras Cidade de Pontevedra. “Un clásico xa”, en palabras do alcalde Miguel Fernández Lores, quen recibiu hoxe ás representantes da asociación A Feitiña, organizadora dun evento que conta coa colaboración de Concello de Pontevedra.

Máis de 1.300 artesáns farán encaixe en vivo no recinto, ao tempo que intercambiarán experiencias. A Feitiña quere ademais “facer un retrato da nosa terra máxica e unha homenaxe, tanto a esta terras, como é encaixe que nos une”, explicou a presidenta da asociación, Esperanza Marín, que deste xeito presentaba a exposición “Galicia en encaixe” que completará o encontro.

Por outra banda as palilleiras máis novas fan a súa propia achega ao encontro, poñendo ao servizo da campaña “En negro contra a violencia” a súa arte. Palillaron unha tira de encaixe que engadiron a modo de orla nos paraugas da campaña: 7,20 metros de tira por cada un dos 110 paraugas adornados.

A Feitiña convida a todos e todas a achegarse o próximo domingo ao recinto feiral para que gocen da exposición e do traballo dos centos e centos de palilleiras que van a estar traballando e mesmo que se animen a palillar. O recinto da Xunqueira estará aberto de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.