Concello e Universidade, en boa sintonía cara a integración cidade-campus

62
  • Ampliarase con 22 prazas o aparcamento de Ciencias da Educación e do Deporte
  • A idea é concentrar a bolsa de estacionamento nunha zona e, a medio prazo, deixar libre de tránsito o centro do espazo universitario da Xunqueira
  • No futuro conectarse cuna senda peonil á Illa do Covo
  1. O modelo urbano avanza cara o campus universitario da Xunqueira en “boa sintonía” co Vicerreitorado de Pontevedra, unha colaboración que dará un novo paso coa ampliación en 22 prazas do aparcamento de vehículos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. A Comisión de Ordenación do territorio, Urbanismo e Medio Ambiente tomou coñecemento do proxecto que será aprobado pola Xunta de Goberno Local.

    A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, sinalou que esta actuación é unha peza máis dun proxecto “máis ambicioso” que inclúe, a medio prazo, a “liberación de tránsito” de todo o eixo central do campus e a conexión peonil ca Illa do Covo.

    A ampliación do aparcamento de Ciencias da Educación e do Deporte localízase entre a facultade e o vial público universitario paralelo á avenida de Campostela e afecta a unha parcela de 1.683 metros cadrados (aprox.). O proxecto ten un prazo de execución de tres meses e nel investiranse 94.349,60 euros.

    “A idea é centrar a bolsa de aparcamento nunha zona e deixar libre de tránsito o centro do campus” sinalou Anabel Gulías quen subliñou a vontade das dúas institucións Concello- Universidade en estender o modelo urbano que pon por diante ás persoas, que ten encaixe, máis se cabe, nun campus “verde” como o da Xunqueira.

    Actuacións previas como a senda peonil e o carril bici que conecta a cidade co espazo universitario axudan a creación do “continuo”, do obxectivo de ter unha cidade vertebrada na que o campus é un espazo máis.