Melloramos o parque infantil da foz dos Gafos e contorna

79

O departamento de Parques e Xardíns, que dirixe Alberto Oubiña, está a facer traballos de arranxo e mellora da zona de confort e da contorna do parque infantil da ribeira dos Peiraos, na foz do Gafos. Os traballos inclúen a renovación do pavimento do parque infantil; a posta a punto dos xogos; a plantación e reposición de árbores e arbustos, o arranxo de algúns tramos de beirarrúas e a colocación de mobiliario urbano.

Respecto á area de xogos do parque infantil o proxecto en marcha contempla a recuperación do pavimento de xabre o que fará máis doado o seu mantemento e tamén a restauración dos xogos (madeiras rotas, tratamento de conservación, substitución dalgunhas pezas en mal estado…).

Por outra banda está prevista unha importante mellora do confort e a estética da zona coa plantación de albicias, que propician espazos de sol-sombra; a plantación dun castiñeiro de indias no vértice interior deste espazo urbano e de arbustos con flores no perímetro interior (ibiscos, abelias…)

A actuación completarase co pintado e tratamento de conservación do valado pegado aos Gafos e a instalación de dúas cadeiras enfrontadas no pequeno miradoiro do río.

A Concellería de Parques e Xardíns inviste neste proxecto de mellora do parque infantil da foz dos Gafos e contorna 9.500 euros, IVE incluído.