Os horarios dos veladores, principal demanda do sector na primeira reunión para modificar a actual ordenanza

31

    • A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías mantivo un encontro tranquilo e amábel co sector para coñecer as súas peticións e tratar de reformar a ordenanza de veladores co maior consenso social posíbel.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías mantivo esta tarde unha cordial reunión con representantes da hostalería da cidade como primeiro encontro dunha ronda que iniciará con distintos colectivos do concello para revisar a ordenanza de veladores, tal e como tiña anunciado. A responsábel das actividades terciarias no espazo público comezou a reunión anunciándolle que se presentaba para escoitar as demandas do sector neste aspecto e tratar de de chegar a un consenso xeral sobre os veladores no concello, así como ter en consideración a opinión do sector.

A principal demanda foi a relativa aos horarios, xa que os hostaleiros solicitáronlle a posibilidade de flexibilizar o horario de apertura e peche, ampliándoo todo o ano (verán e inverno). Anabel Gulías informoulles de que era unha demanda que podería considerarse, pero que tería que compaxinarse coa limpeza dos espazos públicos tanto por parte dos hostaleiros como do Concello. Sobre a ampliación do horario durante todo o ano, a concelleira prefire escoitar outros sectores antes de pechar este punto.

Sobre os horarios, Anabel Gulías tamén lles instou a ter unha segunda reunión, a través da Asociación, na que estean representados todos os locais: pubs, cafeterías e restaurantes para tratar de pechar un acordo entre todos.

Tamén se abordou a posibilidade de flexibilizar os materiais que se empregan nas terrazas, con materiais homologables pero máis lixeiros. Neste punto, o Concello terá que estudar a proposta para que non choque coa actual normativa, especialmente, no centro histórico.

Logo desta reunión, os servizos municipais poderán comezar na redacción dun borrador que se irá completando coas achegas, suxestións e propostas que procedan dos outros sectores cos que pretende reunirse a concelleira nas vindeiras semanas.