Comeza a reforma do campo de herba sintética da Xunqueira

48

    • As obras que teñen un orzamento de 272.000 euros, arrancan mañá coa retirada do céspede actual. Terá un prazo de execución duns dous meses.
    • A Concellaría de Deportes negociou coa empresa para iniciar as obras o máis tarde posíbel no calendario deportivo, e a compañía non puido agardar máis aló de maio.
    • O Concello ten contactado cos equipos que empregan esta instalación que serán resituados noutras dependencias deportivas do concello.

O Concello de Pontevedra inicia mañá os primeiros traballos para a renovación do campo de herba sintética da Xunqueira. Un proxecto que ten un custe de 272.243,14 euros adxudicado á empresa Mecano Sport, que estivo agardando até o mes de maio para iniciar os traballos. O contrato foi adxudicado a finais de outubro do ano pasado, pero a Concellaría de Deportes negociou coa empresa para que os traballos comezasen nesta primavera e intentar non interferir no xogo dos equipos que a diario empregan estas instalacións municipais, especialmente, para que non afectase ás competicións oficiais. Sen poder agardar máis por compromisos da empresa, a Concellaría de Deportes arranca mañá a obra logo de manter contactos cos equipos que teñen competición oficial nestas instalacións. A reforma ten un prazo de execución duns dous meses.

Os traballos que se farán son:

    • Retirada a capa de céspede artificial comprobarase o estado da superficie e procederase á regularización e posterior compactación para reparar as zonas danadas e eliminar posibles irregularidades nas pendentes.
    • Construirase unha beirarrúa perimetral ao campo de fútbol.
    • Executarase unha nova quenlla de formigón polímero dotada de reixa superior e instalaranse novas arquetas areeiros de formigón polímero con reixa desmontable e cesta filtro co fin de mellorar a drenaxe do campo e os labores de mantemento.
    • Instalarase unha base elástica prefabricada de tres capas.
    • Instalación de céspede artificial de última xeración testado en laboratorio consonte as criterios FIFA Quilite. Incluirase nesta actuación a marcaxe do campo de fútbol 11 e de dous campos de fútbol 7 cumprindo coa regulamentación R.F.E.F.
    • O campo será obxecto de homologación, con cargo ao contratista, pola FI co nivel FI FA Quality.
    • Instalarase unha nova varanda perimetral.
    • Substituiranse as porterías de fútbol 11 e colocaranse catro novos bandeiriñas de córner.

As melloras que ofertou a empresa para esta obra son:

    • Incremento o prazo de garantía a 9 anos (na licitación era de 1 ano)
    • Mantemento anual do sistema do céspede é por 12 anos (a licitación era dun ano)
    • Mellora o grosor e o peso da fibra
    • Subministra un xogo de banquillo
    • Dous xogos de portería fútbol 7
    • Dous canóns de rego
    • Iluminación da bancada.

O campo municipal de herba sintética A Xunqueira foi primeiro de herba sintética que houbo na cidade e a día de hoxe ten practicamente esgotada a súa vida útil. É do ano 1999 e foi obxecto dunha primeira renovación no 2005. Precisa dunha nova substitución da superficie de xogo por outra de nova xeración co fin de contar con boas prestacións deportivas, con garantías de calidade e sobre todo de seguridade para os deportistas.

A reforma do campo da Xunqueira está incluído dentro da política de creación, mellora e reforma de moitas das instalacións deportivas municipais que priorizou o Goberno local neste mandato. Neste momento están en proceso de contratación o campo de herba sintética de Cerponzóns, que xa está a recibir ofertas por parte das empresas, e o de Gatomorto, en Santa María de Xeve. Trabállase en conseguir terreos para o campo de Salcedo e en carteira está a reforma do de Ponte Sampaio.

A reforma das piscinas de Campolongo, do Pavillón Multiusos da Xunqueira, a futura reforma do Pavillón Municipal e as diversas obras de distinta entidade que se están a realizar noutras instalacións urbanas e rurais completan as mencionadas melloras e reformas da Concellaría de Deportes no inventario de instalacións municipais.