Comeza a urbanización do núcleo de centralidade parroquial de Salcedo

117

    • Cun investimento de máis de 300.000 euros crearase un circuíto peonil seguro, e tratarase toda a parcela onde se topa a Casa do Monte para instalar pistas de petanca e chave.
    • Cambiaranse todos os servizos e fórmase unha praza na fachada da Casa do Monte. Habilitarase un auditorio ao aire libre para ver espectáculos dende fóra da Casa Verde.
    • Naturgalia fará o calmado de tráfico no colexio de Lérez por 82.000 euros, e Ediserpo o do colexio da Carballeira, en Lourizán, que tiña un prezo de licitación de 112.000 euros.

O Concello de Pontevedra inicia nesta semana un cambio integral da parroquia de Salcedo para trasladar as medidas de calidade e seguranza viaria instaladas no ámbito urbano. Dende esta semana e até finais de ano está previsto un investimento que supera os 600.000 euros na creación do núcleo de centralidade parroquial, o calmado de tráfico no ámbito do colexio da Igrexa e o calmado integral de tráfico en toda a parroquia coa instalación de 43 lombos nas vías municipais de Salcedo.

Nesta semana arranca o proxecto de configuración do núcleo de centralidade parroquial de Salcedo integrado pola contorna da Casa Verde e da Casa do Monte. Neste proxecto que executará E.C.Casas por 326.502 euros, prevese a creación dun percorrido peonil  perimetral entre as dúas entradas ao cemiterio. Paralelamente farase un circuíto de tráfico.

Entre a Casa do Monte e a Casa Verde farase un espazo de estancia onde se instalará unha pista de petanca, unha pista de chave e o parque infantil (xa instalado), así como un espazo de estancia ao carón da Casa do Monte con mesas, e árbores froiteiras.

O proxecto tamén contempla a creación dun auditorio ao aire libre que permitirá ver os espectáculos que se celebren no interior da Casa Verde. A intervención complétase co recuado e mellora do muro de pedra, así como con novos servizos por toda a rúa. Tamén disporá de alumeado específico para cada unha das zonas que se crean.

Esta actuación xunto ao calmado de tráfico na contorna do Colexio da Igrexa, contratación aprobada recentemente pola Xunta de Goberno Local, e a instalación de 43 lombos nas vías públicas municipais da parroquia completan unha actuación que o Goberno Local pretende levar a todas as parroquias do concello.

Continuando nesta liña, ademais do lugar de Cabaleiro, en Campañó, que recibiu no seu día un tratamento urbano na zona, ao constituír o núcleo de centralidade parroquial, hoxe a Mesa de Contratación do Concello adxudicou á empresa Naturgalia o calmado de tráfico na contorna do colexio de Lérez por 82.000 euros. Tamén en Lérez está previsto o tratamento da praza do Castelao onde se fará unha reordenación do tráfico. Na parroquia de Lourizán tamén se adxudicou hoxe á empresa Ediserpo o calmado do tráfico no colexio da Carballeira, para unilo co núcleo de Estribela. O prezo de licitación era de 118.000 euros.