Pedimos a desafectación dos terreos da Xunqueira ocupados con equipamentos

38

O Concello de Pontevedra solicita a Costas do Estado a desafectación de varias parcelas situadas en dominio marítimo-terrestre e na actualidade ocupadas por equipamentos educativos, deportivos, espazos verdes ou viais na zona da Xunqueira para normalizar a situación administrativa destas parcelas e facilitar as actuacións que haxa que levar adiante no futuro.

O portavoz do Goberno local, Raimundo González, sinalou que “o fin e regularizar a situación das distintas administracións: Concello, Xunta e Universidade“, polo que a solicitude está falada con todas elas. Tamén con Costas, de entrada receptiva á desafectación.

“Son terreos ocupados materialmente” por equipamentos dende hai décadas e “que non mudarán de uso” engadiu o portavoz do Goberno local.

Pídese a desafectación das seguintes parcelas:

  • a do Pavillón municipal de deportes
  • o tramo da avenida de Compostela que vai da ponte de Santiago ao pavillón
  • un pequeno trozo do parque Rosalía de Castro
  •  rúa Xoán Manuel Pintos
  • o aparcadoiro fronte ao pavillón, onde estivera no seu día o mercado provisional
  • rúa Ceslo Emilio Ferreiro
  • a ocupada polo CEIP A Xunqueira 1
  • a da Escola Oficial de Idiomas
  • a do Centro de formación do profesorado
  •  a dos IES A Xunqueira 2 e espazos deportivos
  • a do Multiusos municipal
  • as dos campos de fútbol
  • a da Escola de Forestais
  • un espazo verde ao fondo do campus

A solicitude de desafectación inicia o proceso da tramitación cara o cambio de titularidade das parcelas, que inclúe un período de exposición pública para a presentación de posíbeis reclamacións. O concelleiro portavoz do Goberno local calcula que todo o proceso pode tardar arredor dun ano.