O IV Festival de cafés especiais SCA España, busca no Recinto Feiral aos seus representantes mundiais

164

    • Do 11 ao 14 de maio, 48 profesionais competirán nas modalidades de Barista, Latte Art, Brewers, Coffe in Good Spirits e CupTasters, co obxectivo de representar a España nos campionatos mundiais.
    • Stands, degustacións, demostracións, películas, conferencias ou obradoiros son só algunhas das actividades que o público visitante poderá descubrir en horario de 10 a 20 horas.

O Recinto Feiral de Pontevedra acolle esta semana, do xoves 11 ao domingo 14 de maio, o IV Festival de Cafés Especiais SCA España, onde se desenvolverán os Campionatos Estatais de Café, organizados polo Chapter Español da Asociación Europea de Cafés Especiais.

Un único participante das diferentes disciplinas: Barista, Latte Art, Brewers, Coffee in Good Spirits e CupTasters, proclamarase campión e terá a oportunidade de representar a España nos Campionatos Mundiais organizados por World Coffee Events.

Os Campionatos Mundiais celebraranse en Budapest (Hungría) do 13 ao 15 de xuño e alí loitarán cos mellores de cada un dos outros países participantes (ata 50), nas modalidades de World Latte Art Championship, World Cup Tasters Championship, World Brewers Cup e World Coffee in Good Spirits Championship. Á súa vez, o World Barista Championship terá lugar en Seoul (Corea do Sur) do 9-12 de novembro, e o World Coffee Roasting Championship, en Guangzhou (China), en decembro.

Modalidades

Na súa cita en Pontevedra, 48 profesionais cafeteiros demostrarán a súa técnica, traballo, disciplina e paixón polo café en cinco modalidades: barista (12 participantes), latte art (10 participantes), brewer (6 participantes), cata (14 participantes) e coffee in good spirits (6 participantes).

O Campionato de Baristas céntrase en promocionar a excelencia en café, promovendo a profesión do barista. O Campionato de Latte Art, ou a arte de debuxar con leite sobre o café, procura destacar a expresión artística e o rendemento que desafía ao barista baixo pedidos concretos. O Campionato de Brewers pon en relevo a artesanía do café filtro feito a man, e o Campionato en Good Spirits promove receitas innovadoras que mostren café, licores e ingredientes únicos. Por último, o Campionato de Cata, ou Cup Tasters, premia ao catador profesional que demostra velocidade, habilidade e precisión en distinguir os sabores.

Programa de actividades

Coa finalidade de transmitir a súa paixón polo café, SCA España preparou un programa con diferentes actividades para que todas as persoas visitantes gocen un pouquiño máis deste mundo, mostrando o ciclo deste produto, desde a orixe ata a cunca.

Películas, conferencias, talleres e catas serán algunhas das propostas engadidas a esta cuarta edición do Festival que ten como obxectivo primordial transmitir valores de educación, cultura, saúde, profesionalidade e calidade na preparación dos cafés especiais por parte dos baristas profesionais.

Estes cafés especiais, xeralmente de orixe, están coidados e tratados con agarimo desde o seu cultivo ata o seu toste e elaboración. Destacan pola súa alta calidade e os seus agradables sabores, doces, definidos e con multitude de matices florais e froiteiros, que non teñen nada que ver cos amargos ao que está afeita a meirande parte dos consumidores desta bebida, a segunda máis consumida no mundo.

Entrada gratuíta

Con entrada gratuíta, o Festival permanecerá aberto ininterrompidamente de dez da mañá a oito da tarde.

Diferentes profesionais de campos relacionados co sector exporán as súas ideas a través de conferencias programadas. Ademais, unha gran variedade de expositores darán a coñecer e entender os seus servizos e/ou produtos aos asistentes. Empresas de café de diferentes índoles, tales como importadores, tostadores, baristas… terán o seu espazo para ensinar a importancia das súas profesións e as novas tendencias no mercado.

Pero unha vez máis, os verdadeiros protagonistas serán os Campionatos Estatais que nomearán aos novos Campións 2017 SCA España. Todos os participantes mostrarannos a súa paixón e profesionalidade e bo facer con bebidas onde o seu actor principal é o café. Estas bebidas serán avaliadas por un xurado tanto estatal como internacional de recoñecido prestixio durante os catro días de duración deste certame.

O IV Festival de Café Especiais é o resultado do esforzo da Speciality Coffee Association (SCA) por fomentar e difundir a cultura do café, que vai desde o produtor que cultiva a froita, ata o consumidor final que busca gozar da infusión, mediante a educación, difusión e profesionalización do sector. Asemade, conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, así como do CIFP Carlos Oroza, o CIFP Paseo das Pontes e o IES Terras do Xallas, que achegan persoas voluntarias para axudar no desenvolvemento do evento.