Que as terrazas convivan coas persoas, preocupación dos colectivos de discapacitados

46

Que os espazos públicos sexan de convivencia”. Foi a principal preocupación e esixencia amosada polos representantes de Cogami, Amencer-Aspace e ONCE á concelleira de Promoción Económica e Promoción da Cidade, Anabel Gulías na reunión mantida para falar da revisión e actualización da ordenanza municipal de veladores. A preocupación é compartida pola concelleira que subliñou, dende o primeiro momento, a necesidade de que as terrazas, un activo importante na dinamización da cidade, non entorpeza a actividade económica doutros sectores e garanta a convivencia coa veciñanza.

Anabel Gulías destacou “o clima positivo e de entendemento” que atopa no distintos colectivos cos que está a manter encontros para escoitar as súas demandas e recoller achegas cara a unha posíbel inclusión no novo regulamento. “Todo o mundo está disposto a ceder e a dar” sinalou a concelleira que ten pendente a reunión cos representantes veciñais. Será o próximo luns, 15 de maio, ás 18 horas, na Casa da Luz. As citadas son as federacións de asociacións de veciños Castelao, Teucro e Boa Vila.

Coa xuntanza cos veciños remata a ronda de contactos que incluíu, ademais da reunión coas organizacións que traballan con persoas con discapacidade, un encontro co sector da hostalería e outro co do comercio e pymes.

Rematada a ronda, redactarase un borrador de ordenanza municipal de veladores que será enviado aos colectivos para a súa avaliación.