En marcha a mellora e peonalización do tramo final da rúa da Tablada

26

O Concello segue a avanzar na extensión dos estándares de calidade urbana por todo o territorio. Na actualidade está a acometer obras de mellora no tramo final da rúa da Tablada. A actuación en marcha inclúe a instalación da rede de pluviais e dunha plataforma única de formigón e lousa pavimentada que converterá este espazo nun itinerario peonil. Até agora tiña beirarrúas e unha calzada moi estreita que dificultaba o o paso dos coches e ademais usábase como aparcamento.

O tramo final da Tablada cara a avenida Fernández Ladreda acoutarase con bolardos co fin de evitar o paso e estacionamento de vehículos e garantir a súa condición peonil. Tamén tratará de mellorarse o alumeado coa instalación dun punto de luz a maiores, a altura dunha parcela non edificada.

As obras teñen un orzamento de 49.000 euros (máis IVE). Están coordinadas polos servizos técnicos municipais e executadas pola empresa Viacqua. Xa en marcha teñen un prazo de execución de un mes.