Aprobada a compra do novo local de Ferreiros

12
    • O seguinte paso será convidar ao propietario (Afundación) para a compra e logo facer a escritura pública ante Notario

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a compra dun local na confluencia das rúas Ferreiros e Pardo Bazán de 1.300 metros cadrados (600 metros na planta baixa e 700 na planta alta), situado no final da rúa para resituar os servizos de Tesourería, Rentas e Urbanismo.

Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González unha vez rematado o expediente convidarase ao propietario do local a aceptar a compra e posteriormente farase a escritura pública ante notario. O portavoz do Goberno confía en que o local poda ser propiedade municipal a primeiros de xuño e as dependencias operativas no primeiro semestre do ano.

Está prevista a unificación nunha soa dependencia do servizo de Urbanismo, que engloba as áreas de fomento, planeamento, disciplina urbanística, inspección, e multas, distribuídos agora entre os edificios de Churruchaos e o Principal. E tamén está previsto unificar nunha única dependencia Tesourería do que dependen xestión tributaria, inspección tributaria e tesourería. Neste momento estes servizos están distribuídos entre o edificio de inspección da rúa Xofre de Tenorio e no edificio de Michelena 30.

Son 79 postos de traballos os integrados nestes departamentos, que son máis que todo o persoal que agora se aloxa no edificio de Michelena 30.

O propósito desta reordenación é mellorar a atención aos veciños para que teñan concentrada nunha soa dependencia servizos que aborden cuestións similares, sen ter que estar visitando distintos edificios.

Neste momento o Concello paga 42.057,60 euros por un local na rúa Xofre de Tenorio onde están situados os servizos de inspección tributaria. Este local deixaríase de pagar, e o novo local en propiedade amortizaríase a cargo daquel aluguer nuns 20 ou 25 anos aproximadamente.