Discurso do Día das Letras Galegas 2017 no acto da praza de Curros Enríquez

10

Queridas amigas, queridos amigos,

Resulta un pracer compartir de novo convosco un ano máis esta Festa das Letras coas que Pontevedra reafirma a súa vocación galega, galeguista e galeguizadora, obxectivos nos que nos gusta estar marcando o ritmo do país.

Este ano ademáis dedicamos esta xornada de festa e reivindicación a un sobranceiro persoeiro da Galiza contemporánea, escritor, editor, columnista e divulgador da nosa lingua coa que Pontevedra ten unha relación de especial agarimo.

Unha escultura lembra na Praza de San Xosé a súa relevante figura na imaxinaria tertulia que une a cinco intelectuais do século XX, pero tamén, e non é un motivo menor, porque hai pouco naceu aquí, entre nós, unha nova pontevedresa, a que sería a súa neta, xa que entre nós vive e traballa o seu fillo Christian.

Pero máis aló dos vencellos específicos de Carlos Casares coa cidade, estamos diante dun significado escritor galego, moi lido grazas á ampla difusión das súas novelas e os seus artigos en La Voz.

Casares sempre será un dos imprescindibles da literatura galega do século XX, un dos que a soubo renovar cara a temáticas máis cosmopolitas e un estilo máis contemporáneo.

Herdeiro dun determinado xeito de entender Galiza, agardamos que a súa figura se vaia convertindo nun referente literario de sólida raigame.

Temos unha enorme sorte os galegos e galegas de contar na nosa equipaxe literaria con escritores coma el, que cultivaron xéneros tan interesantes como a novela xuvenil ou o xornalismo literario, que estes días se está lembrando desde numerosas atalaias.

A mellor homenaxe que podemos facer a un escritor é ler a súa obra. Pois a iso vos convido, para eso sobre todo celebramos o Día das Letras, a nosa sobranceira festa nacional dedicada á lingua e a cultura.

E para que todos os Carlos Casares que veñan en diante podan seguir utilizando o noso idioma como vehículo expresivo normalizado, temos que insistir, como cada ano, en que precisamos máis esforzos para potenciar o idioma galego.

Nunca serán moitas as enerxías e a intelixencia que invirtamos neste cometido fundamental da nosa cultura.

Estamos a vivir un cambio radical e profundo nas relacións culturais entre as persoas, condicionadas pola globalización e o desleixo.

Milleiros de mensaxes producidas a milleiros de quilómetros de distancia entran cada día en contacto connosco, impoñéndonos novos hábitos e estilos de vida.

Entre eses impulsos globalizadores entran nas nosas vidas maneiras de ver o mundo que utilizan intensamente os idiomas español e inglés, relegando o galego ao papel dunha irmá pobre e desamparada ao pé do precipicio.

Nunca nos mostraremos pasivos ante esa inercia depredadora, que despreza ao ser humano e á fermosa diversidade que fomos creando ao longo dos séculos.

Só queda, como cada ano, agradecer á Asociación Cultural do Burgo a súa implicación neste fermoso acto. Grazas a vós, Pontevedra celebra cada 17 de maio coa altísima dignidade que merece esta data necesaria. Coma sempre, parabéns en nome das nosas veciñas e veciños.

Queremos moitos Carlos Casares máis na nosa literatura. Queremos máis vida intelixente en galego, máis oportunidades para a nosa lingua, máis azos para a nosa cultura.

Non nos rendiremos, non.

Moitas grazas