Acordo entre o Concello e a Universidade para instalar o skatepark no campus

80

O Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo chegaron esta semana a un preacordo para instalar o futuro skatepark no campus da Xunqueira. A estrutura estaría situada na parcela de entrada ao recinto universitario, dende a rúa Celso Emilio Ferreiro á man esquerda. Á espera de pechar o proxecto técnico, o Concello aplaude este acordo xa que considera o campus da Xunqueira o lugar máis acaído para situar unha instalación destas características.

As concellarías de Xuventude e de Obras, que promoven esta actuación conxuntamente, destacan a conexión da cidade cos centros educativos e universitarios. Ademais, esta instalación reforzará a Xunqueira como espazo de lecer, esparexemento e deporte escollido polos pontevedreses para gozar das súas horas libres.

O acordo entre o Concello e a Universidade para situalo na entrada do campus foi acollido con gran satisfacción por parte do Goberno, que confía en que sexa o pulo definitivo deste ansiado proxecto por parte dos colectivos de skaters da cidade.

A historia do skatepark na cidade é longa. Comezou proxectado nos baixos da autoestrada en Mollavao e finalmente frustrado pola negativa do Ministerio de Fomento, propietario dos terreos. Logo se trasladou á Xunqueira de Alba como igual resultado por parte de Costas. Aínda que neste mandato o Goberno pensara inicialmente na pasarela de Doce de novembro para instalalo, problemas de carácter técnico (incompatibilidade da instalación coa cuberta do tren) fixeron tamén desbotar esta opción.