Lores coñece a directiva da Comunidade de montes de Cerponzóns e repasa con eles proxectos e demandas da parroquia

    18

    Os novos representantes dos comuneiros amosan o seu interese en manter unha
    relación fluida co Concello e colaborar en proxectos vencellados ao monte e a parroquia

    O alcalde Miguel Fernández Lores, acompañado do concelleiro responsábel do Monte,
    Demetrio Gómez, recibiu hoxe aos representantes da nova directiva da Comunidade de
    montes de Cerponzóns. Foi un encontro de presentación, aproveitada para facer un
    repaso sobre as necesidades da parroquia e as próximas actuación previstas alí.

    Até o Concello achegáronse: Juan M. Romero Lorenzo (presidente), José M. Abilleiro
    Outón, (vicepresidente) e Enrique Pintos González (membro da directiva). Os
    representantes dos comuneiros amosaron o seu interese en manter unta relación fluída co
    Concello e colaborar naquelas iniciativas e proxectos vencellados ao coidado e
    mantemento do monte e ao conxunto da parroquia.

    Entre os proxectos en marcha está a construción dun novo campo de herba sintética de
    Cerponzóns, en Chan do Monte. Os comuneiros foron informados de que hoxe mesmo
    finaliza o prazo para a presentación de ofertas.

    O proxecto do campo de fútbol de herba sintética de Cerponzóns contempla un terreo de
    xogo de 105×63 metros, é dicir, que permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous
    campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren
    utilizados en competicións oficiais, igual que o que se está a instalar na Xunqueira.