Melilla mira cara a Pontevedra no seu camiño de loita contra a violencia viaria

    13
    • O xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, participa nun encontro de información e
      reflexión pola Mesa pola mobilidade de Melilla

    Preocupados pola violencia viaria e a prol dunha cidade sustentábel, Melilla móvese e neste camiño e mira cara a Pontevedra. O xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, estará o 29 e 30 de maio, na cidade autónoma co fin de participar nun encontro organizado pola Mesa da Mobilidade de Melilla – integrada por Melilla Con Bici, a Federación Ciclista de Melilla, as ANPAs e case todos os partidos políticos da cidade- en colaboración con Guelaya-Ecologistas en Acción. O encontro inclúe un contacto informal e de reflexión cos integrantes da Mesa; unha rolda de prensa, a visita á Concellería de Seguridade Cidadá e unha
    conferencia-debate aberta a toda a cidadanía.
    O obxectivo #MesaMovilidadML-Pacto pola Mobilidade de Melilla recibiu un pulo nos
    últimos tempos a causa do atropelo mortal dun ciclista por un condutor que viña de festa o pasado mes de marzo, mais tamén pola morte dunha muller de idade avanzada nun paso de peóns un ano antes e polo traballo de concienciación e sensibilización social dos colectivos a prol dunha política efectiva de seguridade viaria, mobilidade e espazos públicos.

    O modelo Pontevedra que inverteu as prioridades poñendo ás persoas en primeiro lugar froito dunha decisión política do Goberno local, apoiada polos veciños e veciñas dun xeito maioritario é para os anfitrións unha experiencia da que hai que tomar nota inda que segue o percorrido inverso ao que está a acontecer en Melilla, onde non conta co respaldo do Goberno.

    A percepción que ten a cidadanía sobre a nova Pontevedra, o devir do proceso de transformación urbana -os tráficos necesarios, o tratamento dos tráficos, os camiños escolares, a recuperación do espazo público para as persoas…- e os resultados que avalan o cambio -cohesión social, cero mortos por atropelo dende febreiro de 2011, maior calidade ambiental- son cuestións que Daniel Macenlle porá sobre a mesa.

    O xefe da Policía Local tamén informará polo miúdo aos melillenses sobre os pasos dados na reordenación dos tráficos, a loita contra a violencia viaria e a prol da seguridade: medidas de calmado de tráfico, velocidade 30, itinerarios que fan incómoda a circulación polo centro urbano, espazos de convivencia peóns-tráfico, aparcadoiros de servizos, estacionamentos disuasorios…