O Concello aproba a restauración da estatua de Francisco Asorey do Hospital

16

    • A obra retirarase nas vindeiras semanas para ser restaurada no taller. Logo volverá á súa situación orixinaria: a escalinata central da entrada principal do Provincial.
    • A peza someterase a traballos de eliminación de microorganismos, selado de fisuras e construción de volumes, ademais da retirada de todos os elementos non orixinarios.
    • Está adicada ao benefactor do Hospital, Manuel Cabanelas, e é unha alegoría da filantropía.

O acondicionamento da praza do Hospital chegan ao seu final. Logo da recuperación da zona verde, tras a retirada do sebes que a circundaba, agora o Concello acometerá a recuperación da estatua de Francisco Asorey que volverá á súa situación orixinaria: na escalinata central da entrada principal do Hospital.

Por 18.385,21 euros, o Concello encargou á empresa Toxos Outos a retirada, restauración e recolocación da escultura, un traballo que comezará nas vindeiras semanas.

A restauración comezará coa retirada da peza dos xardíns e coa eliminación da zapata de formigón na que se sustenta e que non forma parte da estrutura orixinaria. Xa en taller, farase a limpeza e o tratamento para a eliminación de todos os microorganismos que poida ter a escultura; o selado das fisuras, a reconstrución dos volumes perdidos, e a limpeza da imaxe de bronce do benfeitor.

A última parte será o traslado ao primeiro descanso das escaleiras principais do Hospital, para onde se pensou orixinariamente. Colocarase sobre unha pequena superficie de pedra (de 10 ou 20 centímetros) como estaba nos anos corenta segundo as imaxes da época.

A intervención seguirá os procedementos da Dirección Xeral de Patrimonio para este tipo de intervencións, a pesar de que non se precisa a autorización da Xunta xa que non se trata dun ben catalogado, pero se informará debidamente a Patrimonio para seguir conxuntamente os traballos.

Historia da escultura

A escultura foi encargada pola Deputación de Pontevedra en 1940 (naquel momento propietaria do Hospital) ao escultor cambadés Francisco Asorey (1889-1961) por 10.000 pesetas. Orixinariamente tiña un estanque e un pedestal, acadando unha altura de 4.30 metros. Está executada en granito das canteiras de Pontevedra e de Castrelo, co retrato en bronce do benfeitor do Hospital provincial na peaña da escultura, a quen estaba adicada a obra: Manuel Cabanelas. Iconográficamente debería representar a filantropía, aínda que se asemella máis a San Sebastián, patrón de Pontevedra e tamén de Covelo, vila natal de Cabanelas.

Como consta nas imaxes da época, foi colocada na plataforma central das escaleiras do acceso principal do hospital. Logo pasaría a formar parte do xardín, con menos altura por ter enterrado parte da peaña no terreo, e incluso previa fabricación dunha zapata en formigón.

Co paso do tempo, a escultura perdeu o estanque, e actualmente consérvanse a figura e a peaña co altorrelevo de Cabanelas e o nome do benfeitor en bronce, ambas en granito e situadas no xardín, diante do teixo que xa aparece nas fotografías de 1948.

Estado de conservación

A escultura consta de dúas pezas. Pendente de realizar os traballos de restauración, nunha observación previa aprécianse distintas alteracións debido a diferentes microorganismos, pero o nivel de alteración da pedra e a presenza de colonias baixo a cota biolóxica non se poderá valorar até o momento en que se realice a eliminación química e mecánica da mesma.