Maio, mes da lingua chega ao seu fin con cinema, relatos e a recepción ás asociacións da cidade

    8

      • A Casa das Campás proxecta hoxe Os días afogados.
      • Mañá entrégase o Premio de Relato Curto da Fanpa.
      • O mércores será o encontro do alcalde coas asociacións da cidade.

    A Concellaría de Normalización Lingüística afronta a última semana das actividades de Maio mes da lingua con cinema, a entrega dos premios da Certame de Relatos Curtos da Fanpa, e a recepción ás entidades culturais da cidade.

      • Hoxe mesmo, ás 20.00 horas, a Casa das Campás ofrece cinema en galego: Os días afogados con entrada libre ata completar capacidade.

    En 1992, a construción do embalse de Lindoso (Portugal) anegou para sempre as aldeas de Aceredo e Buscalque (Ourense, Galicia). Os seus habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a gravar. As súas imaxes, gravadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares.

    Son, ao mesmo tempo, un acto de fe nas posibilidades do cine doméstico para dar conta do tempo histórico que nos toca vivir. Máis aló do íntimo, revélanse como un retrato dos mecanismos cos que actúa o Poder.

    A tensión entre o existencial e o político, e entre o tempo pasado e a realidade presente, condicionan unha historia que se proxecta en múltiples sentidos máis aló de si mesma.

      • Martes 30, de maio:
        • Ás 19.00 h, no auditorio do Pazo da Cultura, V Certame de Relato Curto, entrega de premios.

    Certame cuxos principais obxectivos son: fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria. Os relatos deben ser orixinais e escritos en galego. Están convidados/as 120 finalistas que coñecerán os ganadores no momento da entrega dos premios:

            • Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/ formación profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas.

    Nesta ocasión como novidade, para os autores e autoras dos cinco mellores textos de cada categoría: un obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

            • Para todas as persoas gañadoras e finalistas do certame (máximo 120): un libro colectivo cos seus relatos e co relato feito expresamente para o certame por un escritor profesional Xabier P. Docampo que este ano é o escritor homenaxeado.

    Tanto os relatos gañadores coma os finalistas publicaranse no Diario de Pontevedra.

    Os premios poderán quedar desertos se non se alcanza unha calidade mínima, incluída a publicación do libro colectivo. As decisións adoptadas polo xurado serán inapelables en todos os casos.

    Esta gala de entrega de premios contará coa actuación de Paco Nogueiras, músico e actor, que tras formarse cos artistas Andrés Pazos e Fabio Mangolini, impartiu clases de teatro e dirixiu representación en entidades culturais e colexios. Foi actor e percusionista de Els Comediants e Os Quinquilláns. Na actualidade forma parte da compañía de animación musical infantil Os Tres Tenedores do grupo Os Modernos e do coro da Escola Estudio de Música de Santiago.

        • Mércores 31:
          • Ás 20.00 h, no Pazo de Mugartegui (Praza da Pedreira), recepción do alcalde ás asociacións da cidade
          • Obradoiro de xoguetoloxía no CEIP Froebel. Ás 9.30 h 50 nenos e nenas do 1º ciclo de EP e ás 11.30 55 nenos e nenas do 2º ciclo de EP.

    Obradoiro de construción de xogos, xoguetes, enredos e instrumentos sonoros con materiais de refugallo e naturais: birlos, peóns, boliches, papaventos…