A Xunta de Goberno aproba o convenio do proxecto da estación intermodal

40

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o convenio marco entre a Xunta de Galicia e o Concello para o desenvolvemento da futura estación intermodal. O portavoz do Goberno, Raimundo González deu conta esta mañá deste acto que “é o despegue de todo o proxecto de actuación no entorno das dúas estacións”.

Entre os elementos que regula o convenio marco está a mellora da accesibilidade e a mobilidade peonil na conexión de ambas estacións, a conexión da avenida de Josefina Arruti coa estación de autobuses, e o descubrimento dun pequeno tramo do río Gafos neste punto.

Os compromisos municipais que recolle o Convenio son:

    • Achega do 25% do importe do proxecto
    • Pago das expropiacións se as houbera
    • Se existen aforros na adxudicación redundará na cota que achega o Concello.
    • Se existen incrementos irán á proporción 3/1 Xunta/Concello

Raimundo González tamén lembrou que se tratará de acadar os 600.000 euros de aforro fixados no convenio de Pontevedra co Ministerio de Fomento derivados da adxudicación do proxecto de construción da avenida de Josefina Arruti.

Coa sinatura deste convenio, para o que ambas institución están a buscar datas, a Xunta de Galicia poderá encargar a licitación do proxecto que determinará o custe final da obra. Unha vez que o proxecto estea rematado, o Concello terá que darlle a súa conformidade, e despois iniciar todo o proceso de contratación.

Convenio Estación intermodal