Parque forestal periurbano da Fracha, exemplo de uso social e produtivo do monte

42
  • As comunidades de montes de Marcón, Tomeza e Canicouva asinan o protocolo de colaboración para sacar adiante o proxecto
  •  Os comuneiros farán unha cesión de uso do monte durante 35 anos e o Concello asumirá a inversión inicial (400.000 euros) e o mantemento da zona (60.000 euros/ano)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, asina cos presidentes das comunidades de montes veciñais en man común de Tomeza, Marcón e Canicouva o protocolo de colaboración para a creación do parque forestal periurbano da Fracha. Froito deste acordo as comunidades farán a cesión de uso do monte comunal durante 35 anos e O Concello comprométese a facer a inversión inicial -arredor de 400.000 euros- e o mantemento da área que terá un custe anual de 60.000 euros.

O parque forestal da Fracha axudará a dar resposta a crecente demanda de espazos naturais para o desenvolvemento de actividades de lecer e tempo libre sen esquecer o aproveitamento forestal e produtivo do monte por parte dos comuneiros.

O futuro parque ocupará unha superficie de arredor de 150 hectáreas. Nel haberá sendas e roteiros peonís, e por tramos ciclistas, é tres áreas de lecer e descanso, unha por parroquia. As comunidades garantirán o acceso das persoas ao parque e estas terán que respectar a propiedade.

“A Fracha é un exemplo de aproveitamento racional do monte, social e produtivo do que nos beneficiaremos todos ” subliña o alcalde Miguel Fernández Lores. “Un monte coidado, traballado e produtivo é a mellor política forestal” engade o concelleiro Demetrio Gómez quen lembra que este coidado tamén supón un arma contra os incendios forestais.

O concelleiro Demetrio Gómez tamén destaca a elevada participación que hai detrás do parque periurbano da Fracha pois concello e comuneiros teñen un mesmo obxectivo: coordinar os usos, mellorar o medio natural e traballar a prol do presente o futuro do monte.

Na actualidade está elaborando o proxecto tendo en consideración a opinión das comunidades e se lles presentará antes dar o si definitivo.

A Fracha é un dos tres parques forestais periurbanos proxectados en Pontevedra. Os outros son o do Pontillón (que xa é unha realidade) e o da Tomba en Campañó

Acordo Colaboración A Fracha