A contratación das bases permitirá instalar os centros de compostaxe de Monte Porreiro e Campolongo no verán

31

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a contratación de obras de acondicionamento de centros de compostaxe en Monte Porreiro e Campolongo. Son os traballos de execución de 32 bases de compostaxe, nas que se instalarán 300 módulos para o tratamento de biorresiduos.

O orzamento é de 241517 euros, e con estes centros de compostaxe comunitaria completarase a totalidade dos barrios de Monte Porreiro e Campolongo.

A estimación é que traten arredor de 1.300 toneladas de biorresiduos ao ano, e atenderá a unha poboación duns 8.000 pontevedreses.

Mentres se remate este proceso de adxudicación, no que as empresas convidadas terán un prazo de 5 días para presentar as súas ofertas, a Concellaría tramitará xunto cos veciños a situación destes centros de compostaxe para que poidan comezar a funcionar ao longo do verán.

O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou que hoxe, Día mundial do Medio Ambiente, a contratación destas bases é o pulo definitivo para por en marchar este método pioneiro a nivel de Estado.