O Salón do Libro prepara a edición de 2018 na busca da internacionalización

21

A Concellaría de Cultura mantén esta tarde unha reunión no Pazo da Cultura para iniciar a preparación da vindeira edición do Salón do Libro con varios obxectivos: darlle unha maior dimensión xuvenil, abrirse ás novas tecnoloxías, fixar como liña de traballo da ilustración e a banda deseñada, e a internacionalización.

Á reunión desta tarde están convocados todos os centros de ensino do concello, e dela sairá a temática da vindeira edición. Ademais, no encontro a concelleira de Cultura, Carmen Fouces trasladaralles os obxectivos e as reunións cos que se traballará e cos que manterá nas vindeiras datas.

O segundo encontro será cos Clubs de lectura dos institutos de Secundaria do concello, xa que se pretende darlle unha dimensión máis xuvenil ao Salón e transformalo realmente nun LIX (Libro Infantil e Xuvenil), de tal xeito que Pontevedra sexa a capital do LIX.

Por outra banda, tamén se quere abrir de cara ás novas tecnoloxías con bookstubers, estacións de radio…

Outra das prioridades que ten marcada a Concellaría é a ilustración e a banda de deseñada na que Pontevedra é unha verdadeira potencia estatal.

Finalmente, a Concellaría xa traballa en fixar conexións con outros países para darlle unha dimensión máis internacional ao Salón, acudindo a feiras do libro, tratando de artellar redes con outros países.