Repunta a actividade construtora-rehabilitadora no centro histórico

69
  • A Oficina Técnica de Rehabilitación informou 36 expedientes e 12 autorizacións diante de Cultura dende marzo
  • A solicitude para rehabilitar un edificio na rúa Real e a licenza de primeira ocupación do centro de dia Saraiva, ás ultimas demandas
  • A concelleira de Urbanismo subliña que os maís dos casos son de vivendas

A Comisión de seguimento do Peprica constata “un pequeno repunte na cantidade de licenzas solicitadas para proxectos de rehabilitación, sobre todo para vivendas” sinalou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, ao dar conta dos asuntos tratados na Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente onde se lle deu curso á solicitude de autorización para rehabilitar un edificio na rúa Real.

Ademais, engadiu a concelleira Gulías, a Xunta de Goberno Local do próximo luns concederá a licenza de primeira ocupación para o centro de día Saraiva que abrirá na rúa Don Gonzalo, e que formará parte dun complexo residencial e asistencial para maiores. O centro Saraiva abrirá as portas no rehabilitado edificio que ocupaba o desaparecido almacén Rodiño. “Estamos diante dun exemplo de boa práctica empresarial” indicou Anabel Gulías, quen lembrou que ofertará 39 prazas de aloxamento e terá 20 postos de traballo.

A actividade construtora-rehabilitadora na zona monumental queda reflectida nos datos da Oficina Técnica de Rehabilitación (OTR) do Concello que dende o mes de marzo leva informados 36 expedientes e 12 autorizacións diante da Consellería de Cultura e Patrimonio. Trátase en todos os casos de licenzas para obras maiores. A elas hai que engadir as solicitudes de autorización para obras menores e obras de locais.