Obxectivo, levar o estándar de calidade urbana de Rosalía de Castro ata Mollavao

307
  • O tramo quedaría cun carril, de saída, con medidas de calmado de tráfico, beirarrúas amplas, unha liña de aparcadoiros e para servizos
  • A proposta inclúe un novo vial de comunicación entre a rúa Rosalía de Castro e a autovía de Marín á altura da ponte do tren de Mollavao
  • O proxecto está falado con Costas -son terreos de dominio marítimo-terrestre- e a Xunta, titular da rúa

O Concello ten enriba da mesa un estudo para a reordenación e mellora da estrada vella de Marín (Rosalía de Castro) no tramo que vai dende o cruzamento coa avenida Fernández Ladreda e a ponte da vía do tren en Mollavao (parcela do circo). Os concelleiros de Infraestruturas e de Obras e Mobilidade, César Mosquera e Demetrio Gómez, presentaron a proposta que tentan sacar adiante após de desbotar dúas alternativas pola súa inviabilidade técnica.

 

A estrada vella de Marín constitúe unha das entradas históricas a Pontevedra e inda que o groso dos tráficos de acceso están agora canalizados a través da autovía segue a artellar unha parte importante do transporte público cara a Marín. Ademais é unha arteria altamente urbanizada que precisa dunha adecuación aos estándares de calidade urbana.

“Levamos anos pensando que facer, é unha actuación de enorme complexidade” subliñou o concelleiro César Mosquera quen cita dous eixos de actuación básicos: a humanización da rúa Rosalía de Castro-Mollavao, cun tratamento idéntico ao dado centro e a permeabilización coa avenida de Marín, o que levará a apertura dun novo vial á altura da ponte do tren de Mollavao.

O actuación posta enriba de mesa implica a outras dúas administracións, Costas do Estado e a Xunta de Galicia, que coñecen a proposta -“está falado con elas”- e amosaron a súa disponibilidade a traballar xuntos a prol de sacar adiante a actuación. Por unha banda os terreos afectados están en dominio marítimo-terrestre e por outra, a estrada é de titularidade autonómica.

A humanización formulada no estudio para a reforma da rúa Rosalía de Castro – un tramo de 550 metros- daría continuidade ao primeira parte da rúa. Quedaría como un vial dun carril único de saída, con beirarrúas amplas, unha liña de estacionamento e zona de servizo. Implantaríanse medidas de calmado de tráfico.

A construción do novo vial – sobre o trazado dun camiño de terra existente- garantirá a permeabilidade entre Rosalía de Castro e a autovía dando tamén saído a tráfico procedente de Pontemuiños cara ao centro da cidade. Este novo vial terá unha lonxitude de menos de 200 metros. Manterase como aparcadoiro disuasorio a parcela que cruza (a do circo).