Arranxo do aparcadoiro e máis seguridade viaria e peonil en Alexandre Bóveda

34
  • O aparcadoiro ten 184 prazas nas que estacionan unha media de 500 vehículos/día
  • O Goberno local aproba a adxudicación e contratación de obras en vías e espazos públicos por máis dun millón de euros, incluídas melloras
  1. A Xunta de Goberno local deu luz verde á adxudicación ou inicio do procedemento de contratación de distintas obras de rehabilitación superficial (pavimento) de vías tanto do ámbito rural como urbano, unhas actuacións que incluídas as melloras superan o millón de euros.A rehabilitación e asfaltado da aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda, ao carón do recinto feiral é unha das intervencións no plan de actuación aprobado. Segundo explicou o portavoz do Goberno local, Raimundo González, a intervención que comeza o proceso de contratación inclúe a mellora da seguridade viaria no tramo comprendido entre a avenida de Compostela e a ponte dos Tirantes, así como reparación das beirarrúas – 1.000 metros de senda- co fin de facilitar un tránsito peonil cómodo, accesíbel e seguro.Por outra banda, ás obras tamén darán pé á mellora da conexión dos servizos de subministro de auga e saneamento e o soterramento da liña telefónica do Pazo da Cultura.Raimundo González lembrou que o aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda, igual que os do recinto feiral e o fronte do pavillón de deportes, é de carácter disuasorio. Ocupa unha superficie de arredor de 6.000 metros cadrados e nesta superficie hai marcados 184 prazas de estacionamento.

    Unha estimación conservadora do uso do aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda sitúa en arredor de 500 o número de vehículos que estacionan ao día nestas prazas, indicou o portavoz do Goberno local.

    Os traballos de rehabilitación do aparcadoiro de Alexandre Bóveda e de mellora da contorna saen a contratación por 241.567,54 euros e teñen un prazo de execución de tres meses.

    Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de dúas obras viarias agardadas pola veciñanza: a rehabilitación da rúa do Costado e a dos tramo que vai dende O Regueiriño á Carballeira, en Lourizán.

    A rehabilitación de firme da rúa do Costado foi adxudicada a empresa Ediserpo por 235.591,26 euros. A intervención inclúe como mellores a renovación do firme dos entronques da Seca e Santa Margarida e a implantación de medidas de calmado de tráfico (lombos).

    A posta a punto do vial de Lourizán foi adxudicada a empresa Covsa por 207.374,15 euros.

    PRAIA FLUVIAL

    O portavoz do Goberno local, Raimundo Gónzalez, informou da adxudicación dos traballos de reparación da zona de baño da praia fluvial do río Lérez. Será a Covsa a encargada dos traballos, que lle foron adxudicados por 229.684,38 euros. Na súa oferta a empresa incluíu melloras coma a renovación da tarima e da senda peonil lateral.

    Covsa renovará integramente a area da praia fluvial. Os áridos do areal están mesturados con lodos do fondo do ría por acción das mareas e o uso. A renovación se acometerá cando os técnicos municipais o estimen oportuno, ben sexa despois do verán ou antes do comezo da próxima tempada de baño.