Pontevedra celebra o Orgullo LGTBI

96
  • O Concello de Pontevedra súmase á celebración do Orgullo LGTBI cunha “ampla, variada e intensa” semana de actividades lúdico e reivindicativas a prol da visibilización e normalización da diversidade sexual LGTBI, anunciou a concelleira de Festas, Carme da Silva durante a presentación do programa FLOP (Free Life Orgullo Pontevedra) 2017

    Ao consolidado Festival FLOP de música electrónica, que cumpre a súa terceira edición e que se desenvolverá o 8 de xullo no parque dos Gafos, este ano engádese un ciclo de cinema LGTBI na rúa -do 3 ao 7 de xullo- e unha xornada literario-musical na Casa da Luz.

    A intensa semana de actividades arranca o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI, coa colocación da bandeira do Orgullo, a bandeira multicolor que representa a diversidade sexual -nesta ocasión cun formato sorpresa- no balcón do Concello.

    Este mesmo día, ás 20.30 horas, na Casa da Luz presentarase a obra “22 segundos” de  Eva Mejuto. Editada por Xerais, é a primeira obra de narrativa galega que trata transexualidade no ámbito infanto-xuvenil.

    O acto terá o acompañamento musical do grupo Canela Cafuné e contará coa presenza, ademáis da autora e do editor, Manuel Bragado, dos mozos trans Eric Dopazo e Marcos Ceive.

    FLOP CINEMA NA PRAZA DA PEDREIRA

    A Praza da Pedreira acollerá, do 3 ao 7 de xullo – ás 22.30 horas- un ciclo de cinema ao ar libre cunha selección das mellores e máis recentes producións cinematográficas LGTBI a nivel internacional e unha selección de curtametraxes do Estado que representan diversas sección do colectivo.

    Luns 3 de xullo
    – A escondidas (Mikel Rueda) Euskadi, 2014.
    Selección a cargo de Novos Cinemas, festival colaborador de FLOP Cinema.

    Martes 4 de xullo
    – La chica danesa (Tom Hooper. Estados Unidos, 2015

    Mércores 5 de xullo
    – Un amor de verano (Catherine Corsini) Francia, 2015

    Xoves 6 de xullo
    – PRIDE (Matthew Wachus) Gran Bretaña, 2014

    Venres 7 de xullo
    – Sesión Curtas do 2017
    – No soy él (Sandra Guedev)
    – Sexo, drogas y tú (Antonio Hernández Centeno)
    – Yo también (Sonia Sebastián),
    – La evidencia (Juan Flahn),
    – Alto riesgo (Juan Flahn),
    – In the Wall (Afioco)
    – Amor, do pontevedrés Jairo Moreno pechará a semana dedicada á sétima arte.

    Ademais das proxeccións, o venres 7 de xullo, ás 20,30 horas na Casa da Luz, terá lugar o faladoiro: CINEMA DIVERSO: Conversas cos creadores audiovisuais Antonio Hernández Centeno, Reyes Velayos e Jairo Moreno arredor da producción audiovisual LGTBI.

    FESTIVAL DE MÚSICA NOS GAFOS

    O FLOP Festival celebrarase o sábado 8 de xullo no Parque dos Gafos, e continuando coa liña emprendida en anos anteriores, ofrecerá doce horas de música -de 12.00 a 23.59 horas-, gastronomía, e actividades dirixidas a todas as idades. Esta cita lúdica é tamén reivindicativa como ocorre con todas as actividades do FLOP do Concello de Pontevedra. Detras dela está o ánimo de visibilizar e normalizar diversidade sexual, aproveitando as datas de celebración do Orgullo LGTBI en numerosas cidades de todo o mundo.

    No apartado musical, FLOP Festival presenta unha nutrida representación de DJ`s locais e internacionais, destacando a presenza da DJ e produtora coreana Peggy Gou, unha das selectoras musicais máis activas e demandadas actualmente na escena de clubs a nivel mundial. Residente en Berlín, ten por diante unha cargada axenda de actuacións en todo o mundo, incluíndo algúns dos festivais máis prestixiosos, coma o Dekmantel (Amsterdam), Lovefest (Serbia), ou o Sunfall Festival (Londres).

    Xunto a Peggy Gou, estarán o madrileño Jackwasfaster e o produtor e DJ asturiano Kresy, recoñecido polas súas publicacións en numerosos selos internacionais e actuacións nos mellores clubs europeos.

    Entre os artistas galegos, destacar o dúo galaico-berciano Certain People (Jose González e Manuel Gómez), coordinadores do festival e responsables do selo Certain Music, co que están a promover eventos propios en varias cidades do Estado. Xunto a eles, o nigranés Viktor Flores, DJ de longo percorrido nacional e internacional, ex-residente do club vigués Vademecwm e fundador do Festival Sinsal. Estará tamén Grobas, un dos DJs e produtores galegos máis recoñecidos, coordinador do Festival 981.

    Do sector máis novo do mundo DJ estarán Electric Feels de Vigo, novas promesas da produción musical. De Marín virá Fon Kid, responsable do programa de radio e as festas Under the Ball. Desde Ourense chegará Dial Combo (trío de DJs formado por Mou, You O e Psychodandy), grandes axitadores da escena musical da cidade, e os pontevedreses Moreno Moreno, Chech ou JC.

    As 12 horas de evento diúrno no Parque dos Gafos terán continuidade pola noite, cunha festa de peche que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra.

    flyer_FLOP_cinema