O Consello parroquial respalda o Plan integral de calmado de tráfico en Mourente

90

    • O concelleiro Alberto Oubiña participou a pasada semana no Consello parroquial no que se abordaron proxectos en carteira e se fixo repaso de obras xa realizadas

O concelleiro de parroquia de Mourente, Alberto Oubiña participou a pasada semana no Consello parroquial con todas as entidades e asociacións que a integran para informar do estado de execución dos proxectos priorizados por este órgano de participación da parroquia, e tamén facer repaso das obras realizadas até o de agora. Especial acollida recibiu o Plan integral de calmado de tráfico que se porá en marcha na parroquia unha vez que remate a fase de contratación.

O calmado integral de tráfico na parroquia implica a instalación duns 50 redutores de velocidade nos lugares solicitados polos veciños das distintas zonas e ratificados polo Consello parroquial, e seguindo os criterios técnicos do Concello. O propósito é crear accesos seguros para peóns e ciclistas dende Eirós até Valdecorvos.

A Casa da Cultura dos Campos é outro dos proxectos en fase de contratación na parroquia. Terá un orzamento de 300.000 euros e permitirá conectar os dous edificios existentes, crear unha pequena edificación para situar os baños e reordenar toda a parcela do lugar con arborado.

En carteira están a rúa do Costado, cuxo proxecto acomete neste momento a fase de contratación por valor de 240.000 euros. As obras poderán comezar ao longo do verán.

O concelleiro tamén fixo referencia ao tratamento da contorna do colexio Vilaverde, no que traballa o Concello.

Dentro das obras realizadas está a remodelación da rúa dos Campos cun orzamento de 200.000 euros co que se realizaron obras de calmado de tráfico, reasfaltado, beirarrúas e accesos peonís.

Tamén se mellorou a vía do Monte até Cons, por valor de 120.000 euros, que leva incluída o calmado do tráfico e o arranxo de todo o pavimento.

Está practicamente rematado o saneamento de Mourente (Casas Novas, O Pazo, Leirado e Eirós), elaborado con fondos do Concello en colaboración coa Deputación provincial o que asumiuron a totalidade do investimento, con preto do millón de euros.