Boa acollida á reforma do Gorgullón, entrada do Camiño de Santiago na cidade

84

O Concello de Pontevedra celebrou onte unha asemblea aberta a toda a cidadanía no Local Social do Gorgullón para presentar o proxecto de reforma da rúa. En nome do Concello, estivo o concelleiro delegado de Obras, Demetrio Gómez que foi o encargado de expor a reforma, responde ás preguntas dos veciños e atendendo as suxestións.

O proxecto tivo unha boa acollida por parte da veciñanza.

Cabe lembrar que o proxecto ten un custe de licitación de máis 1,5 millóns de euros e ten por obxecto mellorar a imaxe da entrada do Camiño de Santiago na cidade, ademais de estender a esta parte da trama urbana os estándares de calidade de vida doutros barrios de Pontevedra.

O proxecto do Gorgullón contempla plataforma única con tránsito restrinxido á veciñanza e os servizos, ao igual que Michelena ou Peregrina; invértese o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte;  as rúas Moa e Travesía Eduardo Pondal serán de subida cara Eduardo Pondal, e peonalízase a rúa do Muíño que salvará a empinada pendente con escaleiras; o Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico; renovarase o alumeado con farois led e redistribuiranse os puntos de alumeado; aproveitarase a obra para mellorar e incorporar novos servizos como a rede de auga potábel, completarase o separativo de augas pluviais e fecais e instalarase unha rede eléctrica nova.