Mulleres de conto, tema do XIX Salón do Libro infantil e Xuvenil en abril de 2017
35
A Concellaría busca a internacionalización desta edición creando un concurso internacional de ilustración para que sexa a imaxe do Salón, e tamén nomearase a México como país convidado do que se achegarán libros, autores, editores…
Preténdese achegar a lectura á mocidade potenciando os clubs dos centros de ensino, ou creándoos nos institutos nos que non existan.
Nesta edición haberá unha estreita colaboración coa Universidade para que alumnos dos centros poidan facer prácticas durante o Salón.
“Mulleres de conto” será a temática da XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará do 6 ao 29 de abril do vindeiro ano. A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou esta mañá os obxectivos cos que o seu departamento traballa para aquela cita que, nesta ocasión, busca internacionalizarse.
A escolla desta temática, respaldada por todos profesionais dos centros de ensino que colaboran na organización do Salón do Libro, pretende enfocar e analizar a Literatura Infantil e Xuvenil con perspectiva de xénero, promovendo o debate e a reflexión, pero especialmente o papel das mulleres na Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), tanto como personaxes dos libros, como autoras, ilustradoras e tamén no mundo do libro nun contexto máis amplo: editoras, libreiras, bibliotecarias, mediadoras… A figura de María Victoria Moreno, como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, terá tamén unha especial relevancia dentro das accións que se están a programar para este salón.
Apoiado nun traballo de case dúas décadas co que o Salón do Libro se consolidou, claramente, coma o evento de Literatura Infantil e Xuvenil máis importante de Galiza e un dos máis relevantes do Estado, o Concello de Pontevedra decidiu apostar por iniciar unha nova etapa na que a internacionalización e a captación do lectorado adolescente serán os dous obxectivos principais.
A internacionalización do Salón virá apoiada pola convocatoria dun concurso internacional de ilustración, que se convocará, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, despois do verán para seleccionar a imaxe do cartel da edición do 2018. O xurado reunirase en novembro, e se dará a coñecer a nova imaxe do salón en decembro.
Este ano tamén se incorporará un país convidado, que aproveitando as sinerxias con outros deportamentos municipais, será México. Está previsto traer libros, autores e autoras, ilustradores/as e editores/as, coa finalidade de achegar as crianzas á cultura literaria de distintos países do mundo, así como establecer alianzas estratéxicas que permitan aumentar a colaboración, nun camiño de ida e volta, entre a LIX galega e a de México, neste caso.
Achegar o lectorado mozo ao Salón será outro dos grandes retos da XIX edición. Para iso, establecerase unha rede cos clubs de lectura xa existentes nos institutos e se fomentará crear, ao abeiro do Salón, novos clubs de lectura para a mocidade. As actividades vinculadas á banda deseñada e ás novas tecnoloxías, aplicadas á promoción da lectura e aos propio libros como obxecto –APPS de lectura interactiva, libros dixitais, lectura e realidade aumentada…- centrarán a estratexia para captar a atención do público xuvenil.
Neste mes xa se teñen iniciado conversas coa Universidade, tanto a través da Facultade de Belas Artes, da de Comunicación Audiovisual e de Ciencias da Educación para realizar convenios de prácticas e colaboración, e accións formativas para docentes, mozos e mozas e estudantado universitario ao redor da Literatura Infanto-xuvenil.
Ademaisdo Salón que se celebrará entre o 6 e o 29 de abril, realizaranse accións formativas e diversas actividades ao redor da LIX durante todo o ano en diversos lugares da cidade, implicando a todos os axentes do mundo do libro: de creadores e creadores, a lectorado, editoras, librerías e ao mundo da ilustración, que terá unha destacada visibilidade dentro do evento.