Pontevedra súmase á aposta pola IXP dos viños das Ribeiras do Morrazo

17

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, que xestiona a medida Leader 2014-2020, en colaboración coa Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra, está a desenvolver un proceso de dinamización do sector vitivinícola na indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

Este proxecto consiste nun programa formativo que tentará dinamizar ao sector, e potenciar os seus coñecementos e o traballo en conxunto en torno ao que este selo de calidade supón. O programa realizarase dende o mes de xullo ata o de outubro, en diferentes localidades do territorio da IXP.

O plan pretende integrar na súa posta en marcha aos axentes sectoriais (furancheiros, viticultores e adegueiros), así como ás administracións locais e de referencia no sector vitivinícola, para reforzalo socialmente. De maneira participada, pretenderase tamén definir as liñas mestras que permitan seguir avanzando na consolidación do sector, así como na capacitación e profesionalización do mesmo nos ámbitos da vinicultura e viticultura.

Na actualidade a presenza da vide segue a ser importante neste territorio. Segundo o Rexistro Vitícola de 2012 no territorio da IXP Ribeiras do Morrazo, correspondente ao GDR Pontevedra-Morrazo, existen 1.875 has dedicadas ao cultivo da vide. É dicir o 5,7% do territorio está destinado á produción de uva para a obtención de viño.

Na actualidade, dentro do territorio da IXP encadrado no GDR Pontevedra- Morrazo, están en plena actividade produtora de viño fundamentalmente tres adegas:

  • En Marín a adega “Adega Ardán”, que elabora viños con uva mencía, caíño tinto e albariño.
  • En Poio, a adega do “Mosteiro de San Xoán De Poio”, que elabora viño con uva de albariño, fundamentalmente para consumo na súa hospedaría.
  • En Vilaboa, a adega “Os Areeiros”, que elabora viños fundamentalmente con uva albariña e caíño.

As castes recoñecidas para a elaboración de viños baio o amparo da IXP son sete brancas e sete tintas:

  • Brancas: albariño, caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés.
  • Tintas: brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.

Os viños

Segundo se reflexa no propio Prego de Condicións da IXP, as principais características organolépticas dos viños da IXP serán: “…frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos …, con gradacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os viños tintos ben cubertos en fase visual.”

Son viños secos e cunha gradación alcohólica do 10% para os tintos e 11,5% para os brancos.

As parcelas

A viticultura da zona caracterízase polo reducido tamaño das parcelas de cultivo: as 1.875 has de viñedo repártense entre 61.105 parcelas, o que supón un tamaño medio das parcelas de 307 m2. e unha maior dificultade de acceso á mecanización e á optimización dos recursos necesarios para a súa explotación.

Dossier Programa formativo IXP Ribeiras do Morrazo.