A veciñanza coñece o plan de traballo da reforma do Costado

54

+ A obra inclúe a rehabilitación integral do firme, recollida de pluviais e a instalación de lombos para reducir as velocidades dos coches

O concelleiro delegado da parroquia de Mourente, Alberto Oubiña mantivo un encontro cos veciños da rúa do Costado, que une Valdecorvos con Santa Margarida, na parroquia de Mourente, para informarlles do inminente inicio das obras de rehabilitación de toda a rúa e ver con eles en in situ os detalles da actuación.
A reforma, previamente consensuada coa veciñanza, consiste na rehabilitación integral do firme, na instalación de elementos de calmado de tráfico e da rede de augas pluviais para a recollida da chuvia. Esta reforma únese á instalación de auga potable que foi realizada o ano pasado
Ademais, entre as melloras, está o entronque con Valdecorvos e o tratamento dunha vía perimetral.
A rúa do Costado atópase dentro do Plan integral de calmado de tráfico que está a por en marcha o Concello de Pontevedra na parroquia de Mourente. Polo tanto, a rehabilitación integral irá acompañada de lombos para reducir as velocidades dos automóbiles que circulan pola zona entre o centro de Pontevedra e Santa Margarida.
A rehabilitación foi adxudicada á empresa Ediserpo por 235.591,26 euros. O prezo de licitación era de 241.653 euros e ten un prazo de execución de catro meses.
O Consello Parroquial de Mourente e o Concello priorizaron a mellora desta rúa xa que é unha das vías máis frecuentadas (tanto a pé como en vehículo) dende a parroquia de Mourente á cidade.