- A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro sinala que os traballos estarán rematados a finais da próxima semana e agarda que a tempada 2017-2018 arranque sen problemas
- A FIFA inspeccionará o terreo de xogo que terá acreditación FIFA Quality
A reforma do campo de herba sintética da Xunqueira encara a recta final. A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañada polo enxeñeiro municipal, Gómez Viñas, achegouse a instalación onde foi informada polo responsable da empresa que fai os traballos -Mecano Sport- sobre o estado da obra: instalado xa o céspede ten por diante botarlle unha mestura de area e caucho e marcar as liñas de xogo.
“Estamos na fase final e a idea é que o terreo de xogo poida estar rematado a finais da vindeira semana” indicou a concelleira de Deportes que agarda que a tempada poda comezar sen problemas. Antes inspectores da FIFA virán a Pontevedra co fin de homologar o campo coa acreditación FIFA Quality. Esta inspección está prevista para o día 17 de agosto.
Mentres os equipos que xogan na Xunqueira, xa en pre-tempada “están colocados” subliñou a concelleira Anxos Riveiro, quen sinalou que nos próximos días comezarán a traballar na configuración dos horarios de adestramento e competición da tempada 2017-2018.
A concelleira de Deportes lembrou que o campo da Xunqueira foi o primeiro de herba sintética da cidade, é do ano 1999 e foi obxecto dunha primeira renovación no ano 2005. “A súa vida útil estaba practicamente esgotada polo que esta era unha obra necesaria”. Non hai que esquecer, engadiu, o “elevadísimo nivel de uso” que ten esta instalación deportiva.
O proxecto de renovación do campo de herba sintética da Xunqueira foi adxudicado no seu día á empresa Mecano Sport por 272.243,14 euros. A obra que está a piques de rematar incluíu:
- Retirada da capa de céspede artificial e posterior compactación para reparar as zonas danadas e eliminar posibles irregularidades nas pendentes
- Construción dunha rúa perimetral ao campo de fútbol
- Nova quenlla de formigón polímero dotada con reixa superior e instalación de novas arquetas areeiros con reixa desmontable e cesto filtro co fin de mellorar a drenaxe do campo e os labores de mantemento
- Instalación dunha base elástica prefabricada de tres capas
- Instalación de céspede artificial de última xeración testado en laboratorio cos criterios FIFA Quality
- Instalación dunha nova varanda perimetral
- Substitución das porterías de fútbol 11 e colocación de bandeiriñas de córner