Primeiros pasos cara a futura estación intermodal de Pontevedra

85
  • O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinan o convenio marco de colaboración que abre a porta a redacción e licitación do proxecto
  • A actuación inclúe a renovación da estación de autobuses, un acceso directo dende a rúa Josefina Arruti e un itinerario peonil áxil e seguro entre as estacións de bus e tren
  • O proxecto ten un custe inicial de 4 millóns de euros e o Concello aporta o 25%
  • Alcalde e concelleira poñen en valor o consenso acadado e a colaboración entre administrracións

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e a concelleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez asinaron o convenio marco de colaboración Xunta-Concello para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Pontevedra. O proxecto está consensuado entre as dúas administracións, suporá un investimento inicial de 4 millóns de euros -dos que 1,5 son para a reforma integral da estación de autobuses- e comezaría a executarse no ano 2018.

Lores e Vázquez concordaron ao definir o acordo como “moi importante” xa que bota a andar unha actuación que vai a renovar dun xeito radical a estación de autobuses de Pontevedra, facilitar o tráfico á terminal – novo acceso e directo dende a avenida Josefina Arruti-, reordenar os tráficos de coches e peonís na contorna das estacións de autobuses e de tren, garantir a accesibilidade e unha mobilidade peonil áxil e segura entre as dúas estacións e descubrir un pequeno tramo do río Gafos neste tramo. É unha zona “moi sensible” da cidade.

Alcalde e concelleira quixeron pór en valor a colaboración e consenso acadado entre as dúas administracións e a vontade de seguir avanzando neste camiño.

Co convenio asinado a Xunta de Galicia sacará a licitación a próxima semana o proxecto construtivo de intermodalidade e paralelamente avanzará na redacción do proxecto de reforma da estación de autobuses. Unha vez que o proxecto estea rematado, o Concello terá que lle dar a súa conformidade e despois iniciarase todo o proceso de contratación.

O consenso foi determinante na xéneses do acordo e guiará o desenvolvemento do proxecto de intermodalidade por vontade política e porque queda recollido como cláusula a cumprir no convenio asinado. “Agardo que no 2018-2019 podamos gozar da alta calidade urbana nunha zona que xa é cidade. Temos a vantaxe de que as dúas estacións (buses e tren) están moi próximas e ademais a pouca distancia do centro polo que os máis dos desprazamentos serán peonís o que entra dentro do modelo de cidade” sinalou a alcalde Miguel Fernández Lores.

“Agardo que se contrate o máis axilmente posible e se consensue tamén o tratamento en superficie”, destacou Fernández Lores, que celebrou que este espazo intermodal “entre dentro do modelo de cidade que defendemos”.

Tamén de axudar a construír cidade falou a concelleira de Infraesturas, un obxectivo ao que aludiu tamén o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presente na sinatura do convenio, ao citar os proxectos da administración autonómica en Pontevedra, largamente reivindicados polo Concello e que atoparon o camiño do consenso: o Hospital Único de Montecelo, o novo edificio xudicial da Parda, a reforma e novos usos do edificio de Benito Corbal ou a variante de Alba

Os compromisos municipais que recolle o Convenio son

  • Achega do 25% do importe do proxecto
  • Pago das expropiacións se as houbera
  • Se existen aforros na adxudicación redundará na cota que achega o Concello
  • Se se hai ncrementos asumiranse ao 50%

Convenio-Estación-intermodal 2