Festas Peregrina 2017: goza connosco, goza de Pontevedra

272

Xa están aquí. O pregón da empresaria e activista social Conchi Pereiro e a tirada do foguete por parte do alcalde Miguel Fernández Lores dende o balcón do Pazo de Mugartegui marcou o inicio das festas Peregrina 2017.

Pasarrúas, procesións, concertos, espectáculos pirotécnicos, a batalla de flores, festivais infantís, exhibicións deportivas, atraccións de feira e barracas, verbenas… e rúas ateigadas de xente serán o día de día de Pontevedra até o remate das festas da Peregrina alá polo 20 de agosto.

“Todos debemos participar na vida da nosa cidade, non lle deamos as costas. Fagamos cidade” animou a pregoeira ao numeroso e festivo público que acudiu a praza da Pedreira para darlle a benvida a semana grande de Pontevedra. ás festas que levan o nome da patroa da provincia.

Conchi Pereiro aproveitou a súa efémera condición de pregoeira para reivindicar a cultura tradicional, o noso patrimonio, o medio natural que temos, inquedanzas e intereses que a levan a ser membro do grupo de música tradicional Trubincos de Batán e do de cantos de taberna Os Saljariteiros e a colaborar coa Asociación cultural Trepia e a SAGA e a ser voluntaria da asociación ambientalista Vaipolorío.

Porén Conchi Pereiro non esqueceu a súa condición de pequena empresaria do sector das axencia de viaxe para pedir “apoio” ao tecido comercial e empresarial local pois deles dependen que Pontevedra siga a crecer como cidade, a profundar no seu modelo urbano que fai medrar a súa sona día a día.

A pregoeira, como muller que é, reclamou “respecto para todas as mulleres. “Aquí non queremos manadas que ensombrezan o desenvolvemento das festas” subliñou para d seguido lembrar a todas aquelas que non están nin estarán nesta nin en ningunha outra festa “por culpa dun machismo cavernícola, fóra de lugar nunha sociedade do século XXI”.

Inda que non de nacemento, Conchi Pereiro síntese pontevedresa, é aquí onde construíu a súa vida e onde vive, unha cidade que define como tranquila, cómoda, aberta e cun tamaño ideal. Por elo convidou a todas e todos a gozar “da festa en liberdade”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, recolleu a luva para animar aos pontevedreses e pontevedresas, a turistas e visitantes “a gozar das festas, a gozar de Pontevedra”.

Programa completo en www.pontevedra.gal