Nova superficie de xogo para o Pavillón Municipal dos Deportes

36
  • O actual é do ano 1996 e ten a súa vida útil finalizada
  • A adquisición do novo pavimento sairá a licitación por 41.884 euros
  • Terá as características esixidas para o desenvolvemento de competicións internacionais e para a retransmisión dos partidos da Liga Asobal

O Pavillón municipal dos Deportes da un paso máis cara a súa rehabilitación integral. Trala substitución da cuberta que permitiu recuperar o deseño inicial do arquitecto Alejandro de la Sota e en proceso de tramitación a intervención para garantir a accesibilidade universal á instalación, a xunta de goberno local ven de dar luz verde á adquisición dun novo pavimento de xogo. Será -apos da avaliación das distintas posibilidades feita polos técnicos do servizo de Deportes- un pavimento portable vinílico con características adecuadas segundo cumprimento da norma UNE EN 14904 e a normativa federativa.

A superficie deportiva instalada actualmente no Pavillón data do ano 1996 e, inda que se trataba dunha superficie deportiva dunha gran calidade e nivel deportivo, o paso dos anos, o uso intensivo, e as continuas filtracións de auga debido ao estado da cuberta antiga, e a execución da obra de reforma, provocou que a súa vida útil estea finalizada.

A portavoz do Goberno local, Carme da Silva, sinalou que a adquisición do novo pavimento sairá a licitación por 41.884 euros (Ive incluído).

Contar cunha superficie de xogo cunhas características específicas e homologadas no Pavillón é preciso para poder desenvolver competicións de carácter internacional e partidos televisados da Liga Asobal. Non hai que esquecer que Pontevedra conta cun equipo na máxima categoría de balonmán, o SD Teucro, e ten no horizontes grandes citas co balonmán como o Torneo Internacional España-Domingo Bárcenas de seleccións nacionais absolutas e o Campionato do Mundo Junior masculino 2019 e o Campionato de seleccións autonómicas de balonmán do ano 2018.