Estudantes mexicanos practicarán en fogóns galegos

38

Grazas a un convenio académico asinado onte en Cidade de México entre membros da delegación pontevedresa, a Universidad del Claustro de Sor Juana e o Centro Cultural de España en México, os estudantes das titulacións relacionadas coa gastronomía poderán facer prácticas en restaurantes de Galiza.

Protagonismo especial neste acto tivo o cociñeiro Iñaki Bretal, quen destacou que “os alumnos non virán só a aprender e practicar os costumes gastronómicos galegos e os nosos xeitos de relacionarnos coa cociña, senón que serán tamén unha fonte de sabedoría para nós, porque a ninguén se lle escapa que a cultura mexicana é rica e variada”. Bretal, que impartirá hoxe unha masterclass ante os alumnos desta Universidade, dixo que el era un apaixonado defensor dos produtos galegos, pero que sempre estará aberto calquera interacción que enriqueza o noso xeito de facer as cousas.

O alcalde, Miguel Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción polo acordo e o seu desexo de que só fose o “inicio dunha longa andaina”, para despois referirse ao ben que se ían atopar os estudantes en Pontevedra.

Este centro educativo privado, que pese ao seu nome non é confesional, ocupa un magnífico edificio no mesmo centro da capital azteca onde se cursan diversas carreiras relacionadas coas humanidades. A súa vicerreitora, Guillermina Torres, destacou a grande satisfacción que lles produce asinar este convenio “porque nos restaurantes españois sempre os alumnos se tratan con enorme dignidade”. Os restaurantes El Bulli, Mugaritz ou Can Roca son algunhas das prestixiosas firmas que preceden a este acordo polo que segundo Iñaki Bretal “en principio poderán integrarse no equipo do Eirado da Leña, pero máis adiante de seguro que moitos integrantes do Grupo Nove acollerán alumnos mexicanos”.