Skatepark temporal en Mollavao ata a construción do definitivo no campus

157
  • O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez e o presidente da asociación Skate Pontevedra, Iago Lastra, visitaron a nova pista que entrou en uso

Pontevedra conta dende hoxe cun skatepark en Mollavao, unha instalación provisional que ocupa o que era a pista deportiva baixo a autoestrada e que será reversible o seu uso cando a cidade dispoña do proxectado skatepark no campus da Xunqueira. O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez, visitou a nova instalación acompañado do presidente da asociación Skate-Pontevedra, Iago Lastra.

O Concello investiu arredor de 9.000 euros no proxecto, en cuxo plan de necesidades e deseño colaborou dun xeito activo o colectivo de skaters de Pontevedra. A empresa Ediserpo foi a encargada da obra, baixo a coordinación dos servizos técnicos municipais.

O concelleiro Demetrio Gómez explica que foi elixida a ubicación de Mollavao para o skatepark tras escoitar aos aficionados a esta práctica deportiva e por unha cuestión “de aproveitamento dos recursos”, xa que esta pista cunha intervención limitada e cun custe razoable pode ser usada para este fin. “Era unha pista adicada a un deporte que pasa a adicarse a outra e que no futuro pode volver a mudar de uso”.

Mentres a tramitación para a construción do futuro (e definitivo) skatepark no campus da Xunqueira sigue adiante. Os permisos xa están solicitados. A estrutura estará situada na parcela de entrada ao recinto universitario, dende a rúa Celso Emilio Ferreiro á man esquerda.

As concellarías de Xuventude e de Obras, que promoven esta actuación conxuntamente, destacan a conexión da cidade cos centros educativos e universitarios. Ademais, esta instalación reforzará a Xunqueira como espazo de lecer, esparexemento e deporte escollido polos pontevedreses para gozar das súas horas libres.