Emprendemento creativo e sostible, centro do Pont-Up Store 2017

50

 

  • Máis de 40 empresas van presentar os seus modelos de negocio nesta cuarta edición do Pont-Up Store, que se consolida como o principal evento de emprendemento en Galicia. As novas tecnoloxías e as enxeñerías volven achegar as propostas máis impactantes, seguidas por ideas moi innovadoras procedentes dos sectores da alimentación, a formación, a arte, a cultura e o deseño. No programa deste ano destacan as actividades relacionadas coa economía social, o fomento do emprendemento na escola, e a importancia do mentoring na primeira fase dun proxecto. Un Laboratorio Creativo aberto a toda a cidadanía permitirá a toda a familia achegarse á robótica e á fabricaión dixital; e o Puntazo Exprés volverá converterse nunha lanzadeira de proxectos propiciando encontros produtivos entre grandes empresas galegas e os emprendementos máis destacados desta edición.

A programación do PONT-UP STORE 2017 foi presentada esta mañá, na sala de prensa do Concello de Pontevedra, polo director do encontro, Pedro Figueroa; a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías; o responsable de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font; e o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, que vencellou este encontro á “liña de traballo que se está a seguir desde o Campus CREA para apoiar iniciativas creativas na cidade, conseguindo que cada vez o alumnado emprenda máis”. A concelleira Anabel Gulías destacou que “o Pont-Up Store está transformando a Pontevedra nunha cidade innovadora capaz de acoller os emprendementos mais punteiros de Galicia”. Pola súa parte, Carlos López Font, asegurou que en Galicia hai moito talento e este é un espazo de visibilización perfecto para testar novas ideas. A continuación, Pedro Figueroa debullou o programa, integrado por case 40 actividades enfocadas ao desenvolvemento da cultura emprendedora. Figueroa destacou o “só puidemos atender o 30% das solicitudes que nos chegaron e para a miña sorpresa o 33% dos proxectos proceden do rural e das vilas, e iso significa que podemos crer no futuro do noso país”.

Nesta edición a actividade volverá concentrarse en tres días: unha xornada previa o xoves 21 con charlas e encontros en distintos espazos da cidade; e dúas xornadas mais centradas na carpa que estará instalada na Praza de España o venres 23 e o sábado 24 de setembro, onde ademais de coñecer os 37 proxectos emprendedores seleccionados para ocupar os stands, o público poderá participar nas actividades de dinamización propostas polos emprendedores.

O escaparate de emprendementos de PONTÚP STORE 2017 vai ser diverso, innovador, moi creativo e tamén sostible, cunha alta porcentaxe de propostas que buscan mellorar a vida das persoas desde distintos ámbitos. Hai empresas como 7VARAS, que se dedican a facer bicicletas de bambú; outras como PAUS, que venden packs de pegatinas especiais para tapar as cámaras dos nosos dispositivos móbiles e protexernos dos ciberataques; e propostas para facilitarnos a vida como a app ‘Care your Car’ de DEGALTEC, que nos permite xestionar o montemento do noso vehículo desde o noso Smartphone; ou a plataforma SEND2ME de caixas de correo electrónicas que nos premiten recibir as nosas compras online aínda que non esteamos na casa. Tamén participará a empresa galega START-T-CASE, que vende a todo o mundo e que está revolucionando o mundo dos dispositivos móbiles con carcasas que ademais de recargar os nosos teléfonos aproveitando a luz solar ou a luz artificial son ao mesmo tempo fundas protectoras e poden pasar carga a outros dispositivos cun sinxelo conector. Ademais, Pont-Up Store reserva sempre parte do seu espazo a iniciativas empresariais que operan dentro da economía social. Nesta ocasión unha das presenzas máis destacadas é a da marca BICO DE XEADO, coa que a cooperativa Granxa O Cancelo foi capaz de transformar un problema como o da cota leiteira nun éxito de mercado ao empregar o excedente de leite na elaboración de xeados cremosos artesanais de alto valor engadido.

Algunhas destas empresas ofrecerán tamén un programa de actividades de dinamización no espazo central da carpa con propostas como unha innovadora sesión de bionetworking organizada por BIOFUSIÓNATE na que se emprengará a intuición e o xogo para obter información útil na nosa empresa; unha cata de cervexas artesá da marca MEIGA; un obradoiro de KIARE INNOVARTE FLORAL no que aprender a arte floral dos kokedamas; un achegamento en familia ao mundo do álbum ilustrado empregando as nosas vivencias persoais proposto por PLANO PEMENTA; e laboratorios dinámicos de creación cultural e artística de economía social cos que a REDE EUSUMO quere promover a arte a a cultura entre os nenos e nenas desde a perspectiva da economía social, unha abordaxe que tamén estará presente no Encontro Networking da Economía Social organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Indsutria.

Actividades en toda a cidade

Na programación destacan as propostas e a implicación de case 40 organizacións involucradas con actividades plantexadas en 12 localizacións diferentes da cidade e arredor de 100 expertos impartindo conferencias, xornadas e obradoiros. A Deputación de Pontevedra ofrecerá un obradoiro práctico para axudar ás persoas emprendedoras a posicionar o seu proxecto baixo a proposta ’Imos chamar á prota dos teus clientes: Posicionamento SEO’. Pola súa parte, ABANCA propón a sesión de formación exprés ‘Preparado para o investimento? O que debes saber de finanzas para montar a túa empresa’. As Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa presentarán os seus viveiros para persoas emprendedoras e unha serie de casos de éxito nas que teñen actuado como mentores.

Precisamente o mentoring será unha das novidades do programa. A Fundación Ronsel presentará o sábado o Proxecto Youth Business Spain mentres a Asociación Española de Mentoring (AMCES) propón a conferencia “Mentoring como clave do éxito no emprendemento” seguida dunha mesa redonda arredor da importancia de contar cun acompañamento profesional no proceso do emprendemento.

Un laboratorio creativo para repensar a cidade

O noso Laboratorio Creativo de fabricación dixital e impresión 3D amplía espazo, programación e alianzas. Será o primeiro en comezar a funcionar, desde o mércores 20, e estará ubicado nas Salas de Exposicións da Facultade de Belas Artes e da Escola de Restauración propoñendo exposicións, demostracións e sesións de iniciación á fabricación dixital de forma continuada durante os tres días. Dentro das actividades que se desenvolverán neste espazo destacan tres obradoiros: ‘Educación, Familia e Tecnoloxía’; “Pensando a túa cidade” orientado ao urbanismo; e o taller de robótica Crea R no que Líboli, un proxecto empresarial que se presentou hai dous anos no pont-Up Store, logrou implicar á empresa de telefonía R nun proxecto de emprendemento para os maís novos. Ademais, no marco da reunión da comunidade WordPress en Pontevedra (‘Meetup’) vaise organizar a actividade Emprende con WordPress con diferentes obradoiros para achegar WordPress a calquera que teña interese mostrando casos de xente emprendedora que nos ensinarán como empregaron WordPress crear o seu negocio/proxecto.

O emprendemento no ensino

Unha das grandes apostas deste ano é establecer alianzas co ensino para levar ás aulas o espírito emnprendedor do PONT-UP e servir de escaparate para mostrar proxectos innovadores como Pontevan: FP na rúa, un aula de cociña móbil creada entre catro centros de ensino público de Pontevedra. (CIFP Carlos Oroza, CIFP A Xunqueira, IES Frei Martín Sarmiento e IES Montecelo e conta tamén coa colaboración da Universidade de Vigo-Quantum Automotive- CimaLab) que vai achegar a Formación Profesional á rúa e mostrar un proxecto co que o alumnado aprende a innovar, neste caso renovando o concepto de FoodTruck cun vehículo de comida san e de calidade. E seguindo coa idea de inculcar o espírito emprendedor desde idades moi temperás, o sábado está programada a segunda edición da Xincana Bike orientada a desenvolver a iniciativa, o traballo en equipo e a cooperación entre nenas e nenos ata 14 anos. A proba divídese en 5 zonas cada unha cunha temática marcada e relacionada coa filosofía de emprendemento do Pont-Up Store.

Puntazo Exprés

Por último, 10 emprendementos participarán no Puntazo Exprés no que terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu emprendemento a 5 importantes empresas e entidades galegas. Entre os escoitantes desta edición estarán, entre outros, Juan Vázquez Gancedo Director Xeral de Bodegas Martín Códax e Presidente do Clúster Alimentario de Galicia; Begoña Ocampo, socia fundadora da cadea de restaurantes La Pepita Burguer Bar; Débora Franco de Vázquez de Monet Viticultura; Xavier Castaño, da consultora Internacional de Proxectos Tecnolóxicos, Igalia; e Isabel Rodríguez Blanquer, directora de operacións da empresa especializada en produtos culturais para a infancia, El Faro de los Tres Mundos.

Programa 2017

Máis info: pontupstore.com