Lourizán, máis cerca de ter un centro social moderno, eficiente e accesíbel

22
  • A obra sae a concurso por 545.521,32 euros e prazo de execución de seis meses
  • O proxecto recolle o plan de necesidades falado co Consello parroquial

O proxecto de renovación e ampliación da rede municipal de centros sociais desenvolvido polo Concello segue a súa andaina sen pausa. Agora chegou a quenda da parroquia de Lourizán que vai a contar cun centro “de nova xeración”, con capacidade suficiente para acoller á programación de actividades das asociacións veciñais e colectivos da parroquia e dar resposta a súas necesidades loxísticas e de infraestruturas.

A Xunta de Goberno local deu luz verde hoxe á contratación do novo centro social de Lourizán, que nacerá da remodelación integral do edificio do vello centro de Estribela. Segundo informou o portavoz do Goberno local, Raimundo González, a obra sairá a concurso por un importe de 545.521,32 euros e un prazo de execución de seis meses.

O proxecto do novo centro recolle o plan de necesidades acordado co Consello parroquial de Lourizán. Na planta baixa haberá un salón amplo multiusos (sala de exposicións, para concertos, bailes, eventos…), ademais de aseos e almacéns e na primeira planta están previstas tres aulas para actividades diarias (obradoiros, cursos, etc.), un despacho, unha área de estar e tamén aseos e almacéns. O renovado edificio, engade Raimundo González, “será enerxeticamente eficiente e 100% accesíbel”.

En total serán 623 metros cadrados adicados a servizos e actividades veciñais. A reforma non esquece a carnicería que está no baixo do inmoble, reservaráselle un oco na planta baixa e con entrada independente.