Loita contra o fraude fiscal, nova inspección do IAE

73
  • A Xunta de Goberno local adxudicou o traballo a Noroeste Local que terá 22 meses para facelo e percibirá o 16% do recadado
  • Dende o 2013 c corrixiuse a situación fiscal de 85 empresas o que supuxo o ingreso de 1,3 millóns de euros pola regularizacións
  • A actualización do padrón do IAE eleva en 318.000 euros a recadación anual
  • Nesta ocasión o foco porase sobre as empresas distribuidoras, aparcadoiros e banca

O Concello de Pontevedra segue adiante coa loita contra o fraude fiscal. A Xunta de Goberno local ven de adxudicar unha asistencia técnica á empresa Noroeste Local para a realización dunha nova inspección do IAE, dando continuidade a unha actuación iniciada no ano 2013 e que ten repercutido dun xeito significativo e positivo nas arcas municipais, segundo explicou o portavoz do Goberno local e concelleiro de Facenda, Raimundo González.

Noroeste Local desenvolverá o seu traballo durante 22 meses e a súa retribución irá en función do recadado. “Cando se detecte unha infracción, polo motivo que sexa, e se faga o ingreso no Concello e a partir de aí se lle pagará a empresa o 16% do efectivamente recadado” sinalou Raimundo González.

O IAE (imposto de actividades económicas) grava as empresas que facturan máis dun millón de euros ao ano. Son arredor de 600 no censo municipal actual, unha vez incorporadas as 85 detectadas en situación irregular dende o 2013.

O fraude fiscal detectado ata agora supuxo a regularización de 85 empresas e o ingreso de 1.379.368,73 euros ás arcas locais e ademais a actualización do padrón anual do IAE. Esta actualización eleva o recadado por este concepto en 318.000 euros ao ano.

O portavoz do Goberno local sinalou que a inspección do IAE sacou a luz a dúas empresas que estaban pagando de maís e a outras 7 que non estaban dadas de alta. Nos outros casos procedeuse a actualización dos datos, que eran axustados a verdade no momento da súa inscrición mais non estaban ao día.

Se no pasado púxose o foco sobre talleres, actividades industriais, etc… nesta ocasión a atención dirixirase, sobre todo, cara a empresas distribuidoras, aparcadoiros e a banca.