A veciñanza coñece o proxecto do futuro Centro Social do Burgo

89
  • O local social e o estadio de Pasarón serán totalmente independentes, só compartirán unha saía de emerxencia
  • O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez agarda que sexa realidade nun ano
  • Ocupará un espazo de 1.087 metros cadrados e ten un orzamento de 639.902,97 euros

Un centro accésibel, intelixente -dende un punto de vista social, económico e enerxético- e ademais totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón. Así define o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, o futuro Centro Social do Burgo cuxo proxecto definitivo presentou á directiva da Asociación Cultural O Burgo. Para os veciños e veciñas do barrio ten palabras de agradecemento o concelleiro que non dubida en cualificar como “proceso participativo exemplar” as achegas, suxestións e debates que contribuíron a redactar o que agora é o deseño final.

O futuro Centro Social de O Burgo ocupa 1.087 metros cadrados e contará con espazos para almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o CF Pontevedra (no soto) e no primeiro andar, cun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, unha aula social de 62,40 metros e un salón multiusos de 97,05 metros…. Espazos estes últimos destinados a realización de actividades, cursos, obradoiros… que inclúen unha cociña-aula especialmente solicitada pola asociación de veciños O Burgo.

A veciñanza e o club de fútbol coincidiron nunha mesma petición, “a desconexión total” dos espazos de Pasarón, que foi atendida. Segundo explicou el concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, quedan totalmente independentes, “só comparten unha saída de emerxencia”. Xerouse unha nova entrada para o centro veciñal, accesíbel 100%.

O orzamento previsto para a obra do futuro Centro Social do Burgo é de 639.902,97 euros.

O concelleiro Demetrio Gómez agarda que o centro sexa unha realidade no próximo ano. Trala presentación aos representantes veciñais do deseño definitivo, acometerase a redacción do prego de contratación co fin de sacalo a licitación o antes posíbel.