O Concello recibe parte da autovía de Marín para continuar o paseo

97
    • O alcalde asinou onte a cesión por parte de Fomento.
    • O Concello xa pode entregar o uso da vía ao Ministerio de Medio Ambiente para construír o paseo peonil e ciclista cara Marín.

O Concello de Pontevedra xa é propietario da estrada PO-12 dende a rotonda de “Malvar” até o inicio do enlace coa PO-11. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asinou onte a acta de cesión desta estrada coa que se poderá executar o paseo peonil e ciclista cara Marín.

A cesión sen ningunha compensación económica de parte a parte, ten unha lonxitude de 460 metros lineais, e unha superficie estimada de 9.072 metros cadrados.

O Concello solicitou ao Ministerio de Fomento a cesión desta estrada para que se poida continuar o paseo peonil. O Ministerio de Fomento non autoriza a redución dos carrís de tráfico nas súas estradas, e para a creación do paseo será preciso eliminar un dos carrís. Ante esta situación, o Concello acordou con Fomento solicitarlle a titularidade da vía.

A partir desta sinatura, o Concello está en disposición de entregar a titularidade de uso deste tramo da avenida ao Ministerio de Medio Ambiente para que constrúa o paseo a Marín, tal e como tiña comprometido.