O Goberno de Tudela mira a Pontevedra para revitalizar o seu casco histórico

23

    • O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle mantivo unha reunión con concelleiros do Goberno tudelano que tivo especial interese no concepto “estacionamento de servizos”

O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle participou onte nunha reunión de traballo con parte do equipo de goberno do Concello de Tudela, a onde se desprazou para participar na Semana Europea da Mobilidade en representación do Concello de Pontevedra.

Aproveitando a súa presenza na cidade, o Goberno Local pediulle manter unha reunión de traballo xunto aos concelleiros de Urbanismo e de Mobilidade así como cos directores xerais de Medio Ambiente e Mobilidade, ademais de co intendente principal da Policía Local de Tudela, para coñecer o modelo de cidade que defende Pontevedra. Daniel Macenlle explicou detidamente o traballo que comezou en 1999.

O principal interese do Goberno de Tudela é lograr a revitalización do centro histórico da localidade que ten os vellos problemas que tiña o de Pontevedra: moito ruído, moitos locais de ocio, ausencia de residentes… Por iso mira cara Pontevedra, xa que é o modelo que lle gustaría seguir.

Ao mesmo tempo, tamén abordaron a mobilidade da cidade do Lérez, tendo especial importancia o concepto de estacionamento servizos e a creación de zonas peonís abertas, sen morróns.

Semana da Mobilidade

O intendente da Policía Local participou pola tarde na Xornada organizada polo Concello de Tudela ao abeiro da Semana Europea da Mobilidade, nunha charla-coloquio sobre “Mobilidade urbana e peonalización de cascos antigos: a experiencia da cidade de Pontevedra”.

Asociacións de veciños, ecoloxistas, colexios profesionais como arquitectos, entidades do ámbito da mobilidade sostible e políticos asistiron á conferencia. Presentado pola concelleira de Medio Ambiente de Tudela, Olga Risueño, Daniel Macenlle, logo de explicar o Modelo Pontevedra, respondeu ás preguntas dos asistentes que amosaron o seu interese e sorpresa pola fórmula legal que se adoptou para a peonalización do centro histórico, a través dun bando do Alcalde, e non dunha ordenanza municipal.

Un dos puntos máis aplaudidos foi a coordinación de todos os departamentos do Concello cun único obxectivo: a creación e protección do modelo de cidade. Neste sentido, explicaron a Daniel Macenlle que a recente peonalización do centro histórico de Tudela vai acompañada dos habituais temores dos comerciantes “que alegaban que os coches non chegaban até a porta do establecemento”, e tamén pola falla de actividade no centro histórico, a pesar de estar peonalizado.

A este respecto explicou a importancia da coordinación de todos os departamentos municipais, sendo de igual importancia os de proxectos e mobilidade como os de cultura, festas ou deportes para encher de contido e dinamizar os espazos rescatados para os peóns, e antes invadidos polos coches.