O Concello renova a colaboración anual coa Banda de Música de Salcedo

24

 

“É case unha segunda banda de música municipal”. Nestes termos falou hoxe o alcalde Miguel Fernández Lores da Banda de Música de Salcedo durante o acto de sinatura do convenio de colaboración anual que o Concello mantén coa Asociación Músico-Cultural “San Martiño” de Salcedo. O alcalde valorou a labor formativa e musical que desenvolven e que chega a xente de todo o municipios e tamén a súa permanente colaboración co Concello. O convenio está dotado con 32.625 euros.

Estes cartos son “imprescindibles” para sacar adiante as actividades vencelladas a música que promove a asociación a través das seccións Escola de Música (cunha matrícula de case 200 persoas), Banda de Música, Banda Xuvenil e Coral Polifónica, segundo recoñece o presidente da Asociación “San Martiño”, Víctor Cortizo.

A piques de cumprir 30 anos de vida -será no 2018- a Asociación Músico-Cultural “San Martiño” de Salcedo está a traballar na organización dunha ampla programación de aniversario que incluirá concertos especiais, con convidados que comezaron a súa traxectoria musical na Escola ou na Banda de Salcedo e unha sesión de gala cun artista de fama.