O Concello estudará a reforma de Lepanto para finais deste inverno

15

    • No anteproxecto da rúa haberá que decidir se se crea unha praza na parte alta. O deseño tamén dependerá da decisión que se adopte en Benito Corbal onde se detectou un problema de tráfico peonil.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez mantivo esta tarde unha reunión con veciños da rúa Lepanto que lle solicitaron unha entrevista para ver a posibilidade de incluír a rúa no Modelo Pontevedra. Explicaron ao concelleiro que se trata dunha vía con beirarrúas moi estreitas e que ten residentes con problemas de mobilidade ou mobilidade reducida, polo que non resulta cómoda para a convivencia.

Logo de escoitar as peticións destes veciños, Demetrio Gómez explicoulles que no eixo San Antoniño-Benito Corbal non só a rúa Lepanto está pendente de reforma dado que está a propia Benito Corbal, Cobián Areal, travesía de San Antoniño… E amosouse de acordo cos veciños na necesidade de incluílas todas dentro do Modelo Pontevedra, pero debe responder a un plan de traballo.

Seguindo a planificación municipal, o concelleiro comprometeuse a manter unha reunión na rúa antes de rematar o inverno de 2018 na que lles trasladará un anteproxecto ou proposta inicial de reforma. Debaterase e completarase coas achegas dos veciños, como vén sendo habitual nestas reformas, e a continuación poderase encargar o proxecto definitivo.

Demetrio Gómez aclaroulles que naquela reunión será importante a participación veciñal porque haberá cousas que decidir na rúa como, por exemplo, si se crea unha praza na parte alta (entronque con Benito Corbal) ao carón do edificio da Xunta.

Ademais, a reforma final de Lepanto irá ligada, necesariamente, á decisión que se adopte en Benito Corbal, onde o Concello ten detectado un problema importante de tráfico peonil (as beirarrúas son demasiado estreitas para tantas persoas). Polo tanto, o deseño final de Lepanto irá vinculado a aquela decisión.

Demetrio Gómez explicou que unha vez recibido o proxecto e rematado o proceso de contratación e licitación, a obra podería comezar no inverno do ano 2018/19, sempre e cando o proxecto non sufra ningún atranco na maquinaria administrativa.