O proxecto de Cruz Vermella incluirá a reforma da praza da Castaña e do cruzamento diante do CGTD

157
  • O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, valorou as actuacións en algo máis de 150.000 euros
  • As propostas de mellora foron presentadas á veciñanza, que avaliou con Gómez o proxecto global que levará o estándar de calidade do modelo Pontevedra a toda a zona
  • O proxecto de Cruz Vermella inclúe a creación dunha nova praza de convivio no treito que hai entre Padre Gaite e Álvaro Cunqueiro e a reforma das rúas Álvaro Cunqueiro e Salustiano Portela.

O Concello incluirá dúas propostas de melloras para que sexan tidas en conta polas empresas que opten á licitación do proxecto de reforma da rúa Cruz Vermella co fin de completar unha actuación que vai renovar, cos estándares de calidade urbana do modelo Pontevedra, toda a zona. Son melloras valoradas en algo máis de 150.000 euros.

A realización das propostas -presentadas polo concelleiro de Obras, Demetrio Gómez á veciñanza e abertas a suxestións- suporía a remodelación da praza da Castaña e o tratamento do cruzamento das rúas Padre Gaite, Fernando Olmedo e Santa Clara, xusto diante do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Son melloras valoradas en algo máis de 150.000 euros.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou aos veciños e veciñas do barrio, reunidos na noite de onte no CEIP Vidal Portea, as dúas actuacións complementarias á reforma prevista en Cruz Vermella que inclúe a creación dunha nova praza de convivio – no treito entre Padre Gaite e Álvaro Cunqueiro- e a reforma das rúas Álvaro Cunqueiro e Salustiano Portela. Neste novo espazo de lecer conflúen a sede central da Cruz Vermella e o seu centro de día para maiores, o Pavillón Universitario e o CEIP Vidal Portela.

Praza da Castaña

  • Custe, 61.229 euros
  • Eliminaríase o actual banco central e parterre e substituirase por varios bancos, semellantes ao mobiliario urbano do resto da cidade, deixando no centro da praza unha árbore ornamental (non castiñeiro)
  • Co fin de manter a memoria do lugar, porase no chan unha placa circular ao redor da nova árbore (o exemplo podería ser a da fonte dos Nenos) que aluda ao nome da praza cun poema ou lenda sobre o castiñeiro. Demetrio Gómez pediu aos veciños/as que fagan achegas tendo en conta dúas premisas: que sexa unha peza literaria e en galego.
  • Renovarase o alumeado, substituíndo as luminarias que hai nas fachadas por farolas.

Cruzamento das rúas Fernando Olmedo, Padre Gaite e Santa Clara

  • Custe, 93.573,63 euros
  • Pavimento e tratamento semellante ao dos accesos aos centros escolares, non hai que esquecer que alí está a entrada ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)
  • Ampliación das beirarrúas de Fernado Olmedo, onde quedará un só carril de circulación
  • Renovación e ampliación da beirarrúa de Padre Gaite (non incluída no proxecto principal) e estreitamento da calzada, onde seguirán dous carrís de circulación.

Un dos aspectos máis significativos do proxecto Cruz Vermella é a desaparición dos voluminosos plátanos que hoxe ocupan o lateral do Pavillón Universitario, que se substitúen por 6 tilleiras, árbores máis acaídos para o lugar. No conxunto da obra quedan un total de 33 árbores, entre os que destacan os 9 magnolios que darán sombra á nova praza.