Cascais busca en Pontevedra fórmulas para liberar de coches espazos urbanos

25
  • Unha delegación, co director da Autoridade de Transporte do Municipio, Vítor Silva, ao fronte, achegouse á capital para profundar no deseño e xestión da “cidade para as persoas”
  • Silva ve na combinación dun equipo técnico comprometido e valentía política a clave do éxito do modelo pontevedrés

Unha delegación municipal de Cascais (Portugal), de carácter técnico, achegouse a Pontevedra para profundar nas características e medidas que fan do noso modelo urbano un referente coñecido e recoñecido no mundo. A axenda desenvolvida incluíu unha intensa sesión de traballo cos técnicos municipais e un percorrido pola cidade guiado polo alcalde Miguel Fernández Lores.

A delegación de Cascais estaba formada por Vítor Silva, arquitecto paisaxista e director do departamento de Autoridade de Transportes do Municipio; Nuno Perfeito, xurista e xefe de División de Transporte Público e Rui Espíritu Santo, arquitecto e xefe da División de Planeamento de Mobilidade e Transportes. Todos eles coñecían os eixos xerais dunha cidade “calma, moi agradábel e pensada para as persoas”, tal como a definiu Vítor Silva mais na visita a Pontevedra foron quen de coñecer polo miúdo o traballo técnico e político que hai detrás.

Os aspectos técnicos foron explicados Xosé Manuel Tato, director xeral de Urbanismo; Jesús Gómez Viñas, enxeñeiro xefe da Oficina Técnica de Medio Ambiente e Infraestruturas e Daniel Macenlle, intendente principal Policía Local.

Vítor Silva encomiou aos técnicos municipais ao darlle os parabéns ao alcalde por contar “cun equipo moi bo, implicado e competente” para levar a diante a transformación da cidade. Unha transformación que foi posible, engadiu, ao ir este equipo técnico da man “dun Goberno local que toma decisións, con valentía política” para avanzar.

Liberar espazos públicos de coches e recuperalos para as persoas e mellorar a accesibilidade son cuestións que están enriba da mesa en Cascais. Por elo na sesión de traballo mantida cos técnicos municipais amosaron un gran interese en aspectos como: a xestión das prazas de servizos, as medidas de calmado de tráfico e dun xeito especial o deseño e implantación dos pasos de peóns elevados e os lombos.

Silva, Perfeito e Espiritu Santo percorreron co alcalde Miguel Fernández Lores o casco histórico e algunhas zonas do ensanche comercial onde viron in situ o tratamento peonil dado aos espazos da zona monumental, a implantación de rúas e espazos de convivencia peóns, bicis e coches; o funcionamento das prazas de servizos e a calidade urbana das rúas e prazas da cidade.